Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón un modelo eólico galego, participativo, xusto, sostible e beneficioso para Galiza fronte ao modelo “kamikaze” da Xunta

Santiago de Compostela, 13 de abril, 2021. A través dunha moción defendida pola portavoz en materia de enerxía, Noa Presas, o BNG reclamou un “modelo eólico galego, participativo, xusto, sostible e beneficioso para Galiza” fronte ao modelo “KamiKaze” da Xunta baseado no “arrase” dos territorios e ao servizo das grandes empresas eléctricas.

A moción do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Na defensa da iniciativa, a deputada salientou que a política eólica do goberno galego, á que se sumou o goberno central, ocasiona un grande problema en Galiza en tres vertentes, social, económica e ambientalmente.

Dende o BNG, dixo “urxe cambiar o modelo” antes de que sexa tarde e o dano irreparable. Cada vez, engadiu, son máis as voces que o reclaman: colectivos sociais e medioambientais, a comunidade científica, sindicatos, comunidades de montes, concellos -tamén do Partido Popular como nos últimos días Rodeiro, por exemplo, pero antes Oia ou A Baña-, administradores de fincas, asociacións veciñais… é “un clamor social ante a política de terra queimada”.

Galiza, recalcou a nacionalista, vive desde o ano 2019 un “boom sen precedentes” na descarbonización e cambios lexislativos impostos polo PP a Lei de Implantación empresarial do 2017, factores que provocaron unha “carreira eólica desenfreada e sen xustificación”.

Neste sentido, lembrou que o avance de datos do 2020 de Red Eléctrica de España, confirman que Galiza cumpre con creces os limiares de renovábeis: o 75,6% da xeración en Galiza foi de renovábeis e fomos a segunda comunidade autónoma que máis enerxías renovábel e eólica xerou polo que preguntou cal é a razón para pisar o acelerador e a quen beneficia tanto caos.

Problema ambiental
Falamos dun problema ambiental porque disfrazado de verde un modelo que vulnera a biodiversidade e ecosistemas. Para a Xunta na súa política produtivista, “todo vale” e esa é a razón pola que non avanzou na ampliación da Rede Natura e permitindo a fragmentación de macropoxectos para evitar unha “avaliación conxunta”.

Presas aludiu ás sentenzas contra os parques de Sasdónigas e do Iribio ao que sumou a reclamación dun estudo de impacto conxunto dos 15 parques previstos con 98 aeroxeradores na Reserva da Biosfera coruñesa e Terras do Mandeo.

Neste sentido, propuxo “paralizar cautelarmente” os proxectos incluídos nas áreas propostas para a ampliación da Rede Natura e fiscalizar a totalidade de proxectos en tramitación para detectar “o fraude de lei” ante a fragmentación dos parques.

Problema económico

A deputada asegurou que o actual modelo eólico supón un grave problema ante a falta de compensación e retorno de beneficios para Galiza. Os beneficios, recalcou Presas, redundan nas grandes eléctricas cun modelo ao servizo do IBEX 35. “As persoas propietarias reciben de media entre o 1,1 e o 2,4% do total da facturación dos parques, contías pírricas fronte aos beneficios empresariais”.
Tampouco ser produce un retorno en materia de emprego como constata a
deslocalización de postos de traballo técnicos de Naturgy na Coruña e Iberdrola en Valdeorras, e os peches de Isowat ou Siemens Gamesa.

Propostas do BNG

Na súa intervención, Presa reclamou mellorar a información dispoñíbel a través do Rexistro Eólico Galego, promover un papel activo da Xunta, ao abeiro do INEGA para o asesoramento dos colectivos afectados, poñer en marcha as demandas do Observatorio Eólico Galego respecto das recomendacións de transparencia, participación pública e difusión de modelos de contrato e mecanismos de negociación.

Finalmente insistiu na necesidade de Impulsar un consenso e acordo eólico para Galiza que poña fin aos problemas derivados da caducidade do Plan Sectorial Eólico de 1997 e da nova lexislación. “Un novo Plan Sectorial Eólico participativo e dialogado”, reclamou.

Exit mobile version