Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular apoia demandar ao Goberno de España a aplicación do IVE superreducido do 4% aos produtos pesqueiros

Santiago, 20 de abril de 2021. O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei pola que se demanda ao Goberno de España a redución do IVE dos produtos pesqueiros (peixes e mariscos), de tal xeito que pase do actual 10 por cento ao tipo superreducido do 4 por cento. O acordo final busca que esta rebaixa impositiva sirva de estímulo á compra destes alimentos, tendo en conta que se trata de produtos de primeira necesidade e o seu consumo é fundamental para manter a saúde da cidadanía.

O deputado do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, explicou que este acordo é ademais congruente coas demandas realizadas xa realizadas en múltiples ocasións desde o Parlamento galego, e tamén pola propia Xunta de Galicia e polo sector.

De feito, as principais organizacións pesqueiras veñen reiterando desde o inicio da pandemia a necesidade de que o IVE dos produtos pesqueiros se sitúe ao mesmo nivel do que se aplica en España e, en moitos países de Europa, a outros alimentos básicos e de primeira necesidade.

Balseiro lembrou tamén que onte mesmo a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, a iniciativa do eurodeputado do Partido Popular Francisco Millán Mon, fixo súa a reivindicación de toda a cadea mar-industria dun IVE superreducido do 4 por cento para o peixe como produto básico.

Con todo, Balseiro lamentou que ata o de agora o Goberno de España “fixo caso omiso destas demandas”. “Son os socios de investidura do BNG en Madrid, o Goberno de Pedro Sánchez, quen mantén nun caixón esta petición, e todo iso a pesar de que estamos nun momento tan complicado para o sector, debido a crise provocada pola Covid-19”, apuntou.

FOMENTAR O SEU CONSUMO

Desde o Grupo Popular tamén explicaron que a Xunta traballa, no marco das súas competencias, para dignificar os produtos da pesca e marisqueo como alimentos esenciais. De feito, a Consellería do Mar promove dende hai anos varios programas para fomentar o consumo de peixe, tanto nas escolas, como a toda a poboación en xeral.

Así, Balseiro citou as iniciativas O sabor da aventura está no mar e Ponlle as pilas ao teu bocata, dirixidas a escolares; Do Mar ao prato, centrada no sector hostaleiro; e, xa máis recentemente, as campañas Estamos todos no mesmo barco”, presente en todas as cadeas de distribución de Galicia, ou a iniciativa Vai de peixe, de promoción do consumo de produtos do mar.

Exit mobile version