Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista urxe á xunta a analizar as causas da caída do polbo para artellar un verdadeiro plan de recuperación da especie

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, urxiu hoxe ao goberno galego a iniciar un estudo sobre a situación da poboación de polbo nas costas galegas, que vén de rexistrar en 2020 unha das peores cifras da serie histórica. A responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión na que advertiu que a única medida do goberno galego sexa ampliar a veda en 15 días e agardar por ter unha campaña mellor.

Otero sinalou que o sector reclama un “plan para o futuro e non só para un ano, con medidas que vaian máis aló de ampliar a veda”, que quedou fixada entre o 30 de abril e o 5 de xullo logo dunha campaña catastrófica que puxo en dúbida a continuidade da pesqueiría. Explicou que habitualmente unha campaña negativa ven seguida dunha boa, pero o sector “nin pode nin quere” seguir dependendo do desenvolvemento cícloco.

Reclama ademais información clara e puntual aos profesionais do sector, que “teñen que informarse pola prensa” das decisións do goberno galego, ademais de que “estanse a sentir desamparados, e ven como o furtivismo e a pesca ilegal seguen a existir”, ata o punto de que por cada “capacho” extraído de forma legal “hai outro ilegal”.

En definitiva, urxiu á toma de medidas “máis aló da veda” partindo dunha investigación sobre as causas da escaseza da especie, cando os expertos difieren nas súas explicacións e apuntan a factores coma o cambio climático, a sobreexplotación, a temperatura da auga ou a salinidade. O certo é que as lonxas venderon en 2020 un 58 por cento menos que o promedio de todo o século, con caídas de ata o 73 por cento na Costa da Morte no mes de novembro.

Exit mobile version