Site icon Crónica3.com A Mariña

O pequeno comercio de Cervo eximido tamén de pagar as taxas de auga, lixo e saneamento durante 6 meses

Cervo, 1 de abril, 2021. O Concello de Cervo eximirá ao pequeno comercio do pago recibos da auga, do lixo e do saneamento durante 6 meses, a contar desde o mes de xullo “coincidindo co período, por norma xeral, de maior consumo”. Así o anunciaron hoxe o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, que precisaron que a medida, que suporá un aforro de entre 200 e 600 euros en función da actividade que se desempeñe, beneficiará a medio cento de emprendedores do municipio”. Villares e Caramés recoñeceron que levan tempo traballando en coordinación co servizo de tesourería e recadación para poder facer extensible a supresión da taxas, que inicialmente só se ía aplicar ao sector hostaleiro, a todo o pequeno comercio; “e hoxe podemos garantir que a exención, que implica unha modificación das distintas ordenanzas municipais, será unha realidade no verán”, e incluirase xa na orde do día do próximo pleno ordinario que se celebrará neste mes de abril. O rexedor e a edil gabaron a profesionalidade dos pequenos empresarios que se foron adaptando a todas as medidas de prevención e seguridade que se foron aplicando para frear o avance do COVID-19 que golpeou fortemente a súa actividade e minou notablemente os seus ingresos; tentando contribuír así ao impulso dunha actividade económica que é fundamental no noso municipio”. Por esixencias normativas, a partir do mes de xullo e con carácter bimensual, emitiranse recibos por un valor absolutamente simbólico de ao redor dun euro; á marxe do canon autonómico da auga. A medida súmase ao plan de reactivación económica e social dirixido a todas as persoas autónomas do Concello que se puxo en marcha no pasado exercicio.
Exit mobile version