Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP abandona o pleno provincial ao non recibir desculpas de Tomé acerca das declaracións sobre Elena Candia

Lugo, 27 de abril de 2021. Os deputados do PP abandonaron esta mañá a sesión plenaria da Deputación diante da actitude mantida polos corporativos socialistas e nacionalistas no debate da moción popular para reprobar as manifestacións efectuadas días atrás polo presidente, José Tomé, en relación coa vestimenta da deputada autonómica e presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinalou: “Lamentamos moitísimo a actitude do goberno da Deputación no debate da moción de reprobación das declaracións do presidente Tomé polas súas declaracións machistas sobre a deputada e presidenta do PP, Elena Candia. A verdade é que non esperabamos esta situación. O grupo do Partido Popular tivo que irse da bancada posto que non é xusto; non é xusto. Os erros hai que recoñecelos e que mellor momento para facelo que o pleno da Deputación de Lugo. No pleno é onde tiña que pedir desculpas o señor Tomé”.

Para Castiñeira, o debate da moción popular “era unha oportunidade estupenda para mellorar a imaxe da Deputación de Lugo e a do propio presidente, pero non quixeron facelo”. Engadiu: “Preferiron atacar e non entendemos a actitude do Partido Socialista e, especialmente, a do BNG, protexendo ao presidente e non reprobando esas declaracións. É un feito que dana á institución provincial, que dana á Deputación de Lugo”.

Castiñeira destacou que “o presidente non dixo nin palabra neste asunto”. Declarou tamén: “Lamentamos que intenten ir a un enfrontamento; o PP sigue mantendo a súa liña. Parece imposible que o presidente da Deputación non rectifique as súas palabras nun órgano tan importante como é o pleno, pero así foi. Levámonos unha moi dura opinión do pleno de hoxe; esta non é a imaxe que quere o PP para a Deputación de Lugo”.

Moción do PP
A deputada provincial encargada da defensa da moción do PP, Lola Castro, lamentou que o presidente non se desculpase polas manifestacións realizadas, sobre todo, cando si o fixeron outros representantes políticos como foron o secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o concelleiro de Lugo, Álvaro Santos; ou as deputadas do BNG, Ana Pontón e Olla Rodil. A este respecto, Castro, logo de reproducir literalmente os comentarios de ditos representantes do partido socialista e do Bloque Nacionalista Galego, criticou que Tomé Roca afease ao Partido Popular que manipulase as súas declaracións. “Non sei que pensará tamén Valentín Formoso porque vostede, en alusión ao presidente da Deputación, xustificouse non para pedir perdón, senón polo rebumbio”.

“O Sr. Tomé di que non hai machismo. Considerou a protesta unha montaxe desproporcionada, lonxe de aproveitar para rectificar e desculparse”. Neste senso, remarcou que “non podemos normalizar estas actitudes para acadar a plena igualdade, en favor dos dereitos das mulleres”. Por iso, sinalou, “presentamos esta moción por un machismo intolerable, que vulnera a dignidade da mulleres e para reprobar calquera manifestación deste tipo veña de onde veña”. Os populares solicitaban así tamén ao BNG que retirase o apoio ao presidente pero, finalmente, os nacionalistas defendérono.

Lola Castro lembrou, asemade, como ela mesma, na súa condición de alcaldesa, experimentou unha situación semellante á de Elena Candia. Indicou que un representante socialista do seu Concello lle dixo a ela mesma “que non valía nin para cociñar”. Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular, en aras de acadar o respaldo á súa moción que ía dirixida á solicitar a rectificación do presidente da Deputación, ata se ofreceron a votar por puntos a súa iniciativa, cabendo incluso a posibilidade de eliminar o último. Finalmente, PSOE e BNG declinaron esta opción e respaldaron co seu voto ao presidente. Lola Castro rematou dicindo: “non criminalicen ao PP para xustificar semellantes declaracións”.

Exit mobile version