Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que, na extinción de Suplusa, Tomé cumpre co BNG e incumpre coa provincia

Lugo, 13 de abril de 2021. Na mañá de hoxe firmouse a escritura de extinción da sociedade provincial Suplusa e de subrogación na Deputación das funcións que tiña asignadas. Termina así a fase administrativa da disolución, pero, como lembra o viceportavoz popular José Antonio García, quedan por cumprir todos os compromisos que xustificaron o voto en contra do PP á extinción desta sociedade.

Por un lado, a desaparición da sociedade leva aparellada, porque así o quere o goberno provincial, a paralización dos proxectos de creación de solo industrial na provincia, incumprindo así os compromisos establecidos, vía convenio, cos concellos; solo industrial reclamado en reiteradas ocasións polo grupo provincial do PP e polos alcaldes da provincia. “É necesario atender eses compromisos, porque Lugo precisa solo industrial”, din os populares.

O deputado José Antonio García pon tamén de manifesto o incumprimento dos compromisos adquiridos cos ex traballadores de Suplusa. “Hai que lembrar que este asunto está pendente de resolver en vía xudicial, dado que os traballadores, que se sentiron traizoados polo presidente da Deputación, o ex sindicalista José Tomé, tiveron que acudir a esta vía en defensa dos seus dereitos. Non é menos grave a discriminación e agravio comparativo aos que o goberno provincial someteu aos traballadores, xa que algúns forman parte do cadro de persoal da Deputación e outros non, como é o caso dos de mantemento das zonas verdes, que están agora en Tragsa.

O mesmo deputado popular sinalou que a extinción de Suplusa supuxo máis contratos para Tragsa, de forma abusiva, de modo que se incrementan os custos para os lucenses. García sinalou: “Contrariamente ao que aseguraba o goberno provincial, a disolución de Suplusa non adelgazou á administración, senón que a engordou, e como exemplo está a facturación de Tragsa nos dous últimos anos. Está aínda sen xustificar o uso, presuntamente irregular, que fixo esta empresa pública dos bens de Suplusa, sen autorización da sociedade”.

Exit mobile version