Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclama o estrito cumprimento das obrigas da empresa concesionaria do matadoiro municipal de Viveiro

Viveiro, 22 de abril de 2021. É un feito que o goberno municipal de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, non é capaz de xestionar con eficacia os servizos que precisan os veciños. O Partido Popular considera que o matadoiro municipal é un exemplo da falta de dilixencia de Loureiro e do seu equipo para pilotar debidamente os servizos municipais. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, avisa: “Imos esixir que se cumpran con rigorosidade as obrigas que ten a empresa concesionaria”, porque, en función da información da que dispoñen os populares, algunhas delas non se están a cumprir, concretamente no que se refire aos días en que sacrifica reses.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que se puxeron en contacto cos membros do grupo municipal popular tanto carniceiros como particulares para expresar queixas polos poucos días que a empresa concesionaria do matadoiro dedica ao sacrificio de reses. Segundo, explica Rodríguez, as bases que rexeron á concesión establecen que o matadoiro terá que estar operativo de luns a venres, como mínimo de 07.00 a 13.00 horas. Segundo aseguran os autores das queixas, en realidade só mata martes e xoves.

Os populares anuncian a presentación dunha iniciativa sobre este asunto na próxima sesión plenaria, co fin de que o goberno local adopte as medidas necesarias para que a empresa concesionaria do servizo cumpra as obrigas recollidas nas condicións da concesión. Destaca que os usuarios que teñen que desprazarse a outros matadoiros ven incrementado o custo e as incomodidades debido aos desprazamentos.

Por outro lado, Óscar Rodríguez anuncia que o seu grupo solicitará permiso para facer unha visita ás instalacións do matadoiro municipal.

Exit mobile version