Site icon Crónica3.com A Mariña

Os proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro xeraron 2.900 empregos no conxunto da economía galega desde 2016

Compostela, 22 de abril, 2021. O Consello da Xunta analizou hoxe un informe da Consellería do Mar sobre o seguimento e avaliación da actividade dos oito grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) de Galicia para o desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras entre os anos 2016 e 2020. Este documento reflicte que os proxectos desenvolvidos por estes grupos en Galicia supuxeron unha actividade socioeconómica que permitiu xerar 2.900 empregos directos e indirectos a tempo completo no conxunto da economía galega e supuxo unha contribución ao Produto Interior Bruto de Galicia (PIB) de máis de 137 millóns de euros, o que representa un 0,22% do total.

O informe especifica que desde a primeira convocatoria de axudas a proxectos dos GALP, do ano 2016 se desenvolveron 487 proxectos que contaron cun total de axuda pública de máis de preto de 30 millóns de euros. Estes apoios catalizaron preto de 40 millóns de euros de investimento privado, é dicir, o sector privado investiu de media algo máis dun euro por cada euro de axuda pública recibida, que é cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), o que supuxo un investimento total de máis de 70 millóns de euros.

Dos proxectos desenvolvidos ou en desenvolvemento, máis do 60% son produtivos, é dicir, enfócanse a actividades de lucro potencial para o promotor do proxecto e os restantes non produtivos, aqueles que non supoñen o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica e/ou non están suxeitos a unha actividade económica.

En relación aos obxectivos que marca o FEMP para o desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras, o informe destaca que case un 80% das iniciativas dos GALP están centradas na diversificación e na valorización dos produtos da pesca, proxectos que tamén concentran o 80% da axuda pública.

Ademais o 25% do total dos proxectos financiados están liderados polo sector produtivo, o comercializador lidera o 11% dos proxectos e o transformador o 6% e son as confrarías de pescadores e empresas comercializadoras de peixe as que máis proxectos teñen posto en marcha.

En canto aos proxectos desenvolvidos por cada un dos oito grupos, o documento analizado hoxe no Consello da Xunta reflicte que o GALP A Mariña-Ortegal puxo en marcha 103 proxectos cunha axuda pública de preto de 5 millóns de euros, seguido polo GALP Golfo Ártabro-Norte, con 83 proxectos e unha axuda pública de arredor de 2,7 millóns de euros e polo GALP ría de Arousa con 78 proxectos cun valor de subvención de máis de 4,4 millóns de euros.

Ao GALP Seo de Fisterra e Ría de Muros e Noia correspóndenlle 57 proxectos apoiados con máis de 6,3 millóns de euros de axuda, ao da ría de Pontevedra 55 iniciativas subvencionadas por un importe de máis de 3 millóns de euros e o da ría de Vigo-A Guarda puxo en marcha 44 proxectos cunha axuda pública de máis de 2,4 millóns de euros. Ademais o GALP Costa da Morte desenvolveu 35 proxectos cunha subvención de preto de 3,4 millóns de euros e ao grupo Golfo Ártabro Sur correspóndenlle 32 iniciativas cunha axuda pública de máis de 2,2 millóns de euros.

Os GALP
Os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) dan continuidade aos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desa estratexia.

A actividade dos oito grupos que hai en Galicia dentro do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca contribúe a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e a xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén contribúe á conservación e valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.

Exit mobile version