Site icon Crónica3.com A Mariña

Outro derbi de cor laranxa (2-3)

Burela, 4 de abril, 2021. O Pescados Rubén Burela FS suma tres puntos de ouro nunha nova final, vencendo ao Parrulo FS (2-3), nun derbi galego que non defraudou, cun inicio irresistible dos mariñáns e unha garra incansable dos locais. O guión marcado para os laranxas cumpriuse cun arranque implacable, con vantaxe de 0-2 xa no minuto 2. Ampliaron os de Sito Rivera a renda tras o descanso fronte a un rival que non deixou de pelexar en ningún momento. Iago Rodríguez, co 2-3, foi o impulso dos ferroláns para crer na remontada, apostando polo porteiro xogador na recta final fronte á solidez defensiva dos mariñáns.

Os burelistas saltaron á pista para non especular en ataque. No minuto 2, conseguiron abrir o marcador por partida dobre, primeiro con Quintela, sentenciando ao segundo pau, un pase de Matamoros, e segundos despois con David Pazos, en xogada colectiva. O técnico dos parrulos quixo frear a avalancha dos de Sito Rivera solicitando tempo. Dous antigos burelistas, Iago Rodríguez e Hélder, protagonizaron as primeiras perigosas dos locais, no 6. Co paso dos minutos a posesión seguiu mantendo tinguiduras laranxas aínda que as ocasións diluíronse un pouco. Superado o ecuador do primeiro acto, no 13, Pazos volveu brillar en ofensiva; o de Ames a punto estivo de subir o terceiro na renda mariñá cun disparo cruzado que rozou o pau. Edu, no 16, desartellou coa cara unha das mellores chegadas dos ferroláns, nun roubo de Iago Rodríguez a Raúl. Renato ampliou a renda na continuación, pola escuadra, no minuto 25. Necesitábao O Parrulo para seguir no partido e pouco tardou Iago Rodríguez en atopar o revulsivo co 1-3; Adri buscou o segundo, que se foi rozando o traveseiro, no 27, e pouco despois o 10 ferrolán topouse co muro de Giasson. O Pescados Rubén quedou en inferioridade pola segunda amarela de Pazos e O Parrulo aproveitou para reducir a contenda, de novo con Iago Rodríguez, de falta directa (minuto 31). A punto estivo de ver o cuarto de novo Renato desde saque de esquina no 33, desartellaldo por Víctor; o meta volveu frear as intencións do 12 burelista no 35. Tocoulle a quenda ao de Narón baixo paus; Edu estivo moi oportuno para manter a renda laranxa fronte a Adri, no 35, e Isma, no 36. Saltou Miguel con xogo de cinco para pelexar por culminar a remontada fronte ao muro infranqueable da defensa mariñá, con Edu como baluarte.

Venres 16, próxima cita

O Pescados Rubén volverá á liga, coa xornada 27, o venres 16 na visita a Vista Alegre de ElPozo Murcia (19.30 horas).

Ficha técnica

O Parrulo FS: Víctor Espíndola, Adri, Diego Núñez, Miguel, Kevin Chis, cinco inicial; tamén xogaron Iago Rodríguez, Isma, Thalles, Morioka, Hélder, Noel Gómez, Raúl

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Matamoros, Renato, David Pazos, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Pitero, Lucho, Giasson, Álex Diz, Javi Rodríguez

Goles: 0-1, minuto 2, Quintela; 0-2, minuto 2, David Pazos; 0-3, minuto 25, Renato; 1-3, minuto 26, Iago Rodríguez; 2-3, minuto 31, Iago Rodríguez

Árbitros: Carreira Romero // Martínez Torres. Por Ferrol amarela para Kevin Chis (minuto 9). Por Burela amarela para David Pazos (minuto 9 e 31), Pitero (minuto 30)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 26 de Primeira División Masculina disputado na Malata.

Exit mobile version