Site icon Crónica3.com A Mariña

Primeira Masculina. Jaén 4-3 Pescados Rubén

Burela, 24 de abril, 2021. O Pescados Rubén Burela FS demostrou hoxe en La Salobreja a súa capacidade de entrega e pelexa ata o último alento, aínda que a fortuna non estivo do seu lado na rifadísima cita fronte a Jaén Paraíso Interior (4-3) con Marcão como gran destacado. Os galegos recibiron demasiada penalización coa nova vantaxe local de 2-1 a tan só 8 segundos do descanso, pero souberon regresar do vestiario para medrar en perigo. Javi Rodríguez selou o empate no 36, abrindo unha recta final de infarto; tras a distancia andaluza de 4-2, os mariñáns seguiron tirando de coraxe para reducir con porteiro xogador no último minuto e acariñar o empate nas zapatillas de Quintela chegando á bucina.

David Pazos a punto estivo de sorprender aos amarelos nos primeiros segundos nun man a man con Marcão. Respondeu Jaén aplicándose en defensa no minuto 4 na concatenación de Mata, Pazos e Renato para aproveitar despois o perigo de Mithyue, en segunda tentativa, asistido por Piqueras co 1-0 no minuto 5. As mellores ocasións galegas para o empate estiveron protagonizadas por Javi Rodríguez no minuto 8, que non puido recibir ben Iago Míguez pegado ao pau, e David Pazos, no 11, co pau e Marcão como inimigos. Apostando por unha defensa agresiva, os de Sito Rivera conseguiron frear as arremetidas locais. Jordi Campoy e Mauricio merodearon a rede de Edu sen éxito no 14; o gardameta soubo como frear a Míchel pouco despois. Mata avisou desde pista laranxa e segundos despois chegou o ansiado empate, selado por Quintela, ao segundo pau, nunha perfecta triangulación (minuto 19). Parecía rexurdir Pescados Rubén. Marcão tivo que saír fronte a Pazos, pero a tan só 8 segundos para a bucina do descanso Antonio Pérez devolveulles aos de Dani Rodríguez a vantaxe, aproveitando unha perda galega.

Alternancia de perigo viviu A Salobreja na segunda parte cun Pescados Rubén Burela que non deixou de crer en si mesmo para ir medrando en perigo. Marcão, como no primeiro acto, quixo sorprender a Edu, aínda que sen fortuna para os locais. O meta xienense estivo moi oportuno no 26 para frear primeiro a chegada de Giasson e pouco despois a Matamoros, en estratexia. Cada vez chegaba e con máis posibilidades a escuadra de Sito Rivera. Attos tentou buscar por arriba o terceiro e respondeu Pescados Rubén Burela cun lanzamento afastado de Renato, en consonancia con Lucho, que tapou finalmente Felipe Mancha. Restaban tres minutos para o 30 e Quintela asumiu o gran protagonismo en ataque por partida dobre chocando contra o muro de Marcão. A Salobreja asolagouse de emoción na recta final. Atopou o Burela o merecido empate a balón parado con Javi Rodríguez no minuto 36, pero Jaén recuperou a vantaxe con Campoy internándose pola banda. Respondeu Sito Rivera con xogo de cinco, con neutralizaciónlocal; Alan Brandi aproveitou a porta baleira para ampliar a fenda. Os laranxas, sen deixar de pelexar, contraatacaron reducindo de novo con Javi Rodríguez a falta de 58 segundos. Marcão e Felipe Mancha salvaron in extremis o empate a 6 para a bucina final, entre Mata e Quintela.

Ficha técnica

Jaén Paraíso Interior FS: Marcão, Attos, Antonio, Míchel, Alan Brandi, cinco inicial; tamén xogaron Felipe Mancha, Mithyue, Carlitos, Mauricio, Bingyoba, Piqueras, Jordi Campoy

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Matamoros, Renato, David Pazos, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Álex Diz, Iago Míguez, Javi Rodríguez, Giasson, Lucho, Pitero

Goles: 1-0, minuto 5, Mithyue, 1-1, minuto 19, Quintela; 2-1, minuto 20, Antonio Pérez, 2-2, minuto 36, Javi Rodríguez; 3-2, minuto 38, Campoy; 4-2, minuto 39, Míchel; 4-3, minuto 40, Javi Rodríguez

Árbitros: Delgado Sastre // Rabadán Sáinz. Por Jaén amarela para Attos (minuto 19), Alan Brandi (minuto 31), Mauricio (minuto 36). Por Burela amarela para Iago Míguez (minuto 9)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 28 de Primeira División Masculina disputado en La Salobreja, con emisión en directo por Teledeporte.

Exit mobile version