Site icon Crónica3.com A Mariña

Sen Resu ata o 2022

Viveiro, 16 de abril, 2021. Vendo a situación actual, o 15º aniversario do Resurrection Fest adiase ao 2022. Afortunadamente, cremos que esta será a derradeira, xa que por fin vese a luz ao final do túnel grazas á vacinación masiva e esperamos que nos vindeiros voltemos á normalidade.

A 15ª edición do Resurrection Fest Estrella Galicia realizarase do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2022, na fin de semana habitual dos últimos anos. Dende fai semanas moit@s preguntádesnos se se poden gardar as entradas para a seguinte edición e, en efecto, tal e como ocurreu en 2020, todas as entradas mercadas previamente (abonos, Resucamp, viaxes…) serán válidas o ano que vén sen necesidade de facer nada pola vosa parte. Na medida do posible, pedímosvos que gardedes as vosas entradas para que o festival poida seguir adiante con forza e facer a edición máis épica de nosa historia.

A verdade é que aínda que que pensabamos que o máis difícil xa pasara, tras dous anos sen poder facer festivais, agárdannos moitos máis meses sen poder voltar ao traballo como antigamente, xa que a cultura e a industria da música en directo fomos dos peor parados nesta pandemia. Falamos de perdas millonarias e de moitos postos de traballo ao longo do ano e durante o evento (casi 4.000 postos de traballo entre directos e indirectos), cun impacto económico na comarca e sobre todo en Viveiro de máis de 17 millóns de euros en só unha semana. Sendo un festival independente sen ninguén detrás que manteña a flote o barco fai esta travesía moito máis difícil. Por sorte, o ano pasado amosáchedes a vosa fidelidade cun mínimo número de devolucións, e confiamos en que este ano poidades estar aí de novo.

Ao igual que o ano pasado, o 2022 preséntase moi bo e podedes agardar un cartel similar ao de 2020 e 2021, mantendo moitísimas das bandas e con novas sorpresas. Será un dos mellores carteis que xamais tivemos, e esperamos anuncialo proximamente. Ademais gardamos unha gran sorpresa para este ano, así que permanecede atent@s.

Se non podedes gardar a entrada porque non sabedes se poderedes vir o ano que vén, pero queredes axudar igualmente, máis adiante haberá unha plataforma para poder revender éticamente e de maneira segura a vosa entrada a un amigo ou familiar que non puidera mercala previamente ao estar o festival “sold-out”. Se non podedes vir e non podedes esperar, tamén poderedes tramitar a devolución da entrada sen problema. Tedes máis detalles ao respecto na sección de entradas da nosa páxina web.

Durante estes 15 anos pasamos por moitos obstáculos e sempre saímos adiante convosco. Sabemos que 2021 será outro ano máis da man do noso público e todo o malo quedará atrás.

Rematamos con algo que tamén vos dixemos no comunicado de adiamento do ano pasado, porque é algo para sempre: grazas unha vez máis polo voso apoio e comprensión. Grazas aos fans, traballadores, bandas, patrocinadores, entidades públicas, medios de prensa, ao pobo de Viveiro e a todo o mundo que fai posible o festival. Apoiade á música e á cultura nestes tempos difíciles. Entre tod@s sairemos adiante. Vémonos en Viveiro!

Exit mobile version