Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Un árbol por Europa’, o Concello de Burela contra o cambio climático

Burela, 23 de abril de 2021. O Concello de Burela participa na campaña Un árbol por Europa co obxectivo de concienciar á poboación sobre o cambio climático e para tentar minimizar o seu impacto.

O alcalde burelés, Alfredo Llano, explicou que “chama moito a atención que ultimamente en cada noticiario apareza sempre unha información, unha advertencia tamén penso eu, sobre que é o cambio climático. Estase dicindo todos os días que é necesario actuar dunha forma inmediata para non ter que lamentarse no futuro próximo, porque hai pouco tempo seguramente para resolver todo este asunto”.

O rexedor dixo que “o Concello de Burela está concienciado de que temos que poñer o noso grao de area a nivel local, porque así poderase influír a nivel máis amplo, e polo tanto estamos participando nunha iniciativa da Unión Europea que se denomina Un árbol por Europa. Xa plantamos en Burela froiteiras e frondosas. Estamos mellorando moito os paseos e as rutas de sendeirismo. Estamos preparando todo aquilo que sexa motivador para apreciar o medio ambiente con creación de novas rutas e mellorar a vistosidade para que a xente transite pola natureza”.

Llano sinalou que “esta iniciativa ten fundamentalmente dous obxectivos. Un deles é concienciar e que todo o mundo saiba porqué temos que participar todos, porqué isto ten que ser unha responsabilidade compartida para lograr que se minimicen as causas que producen o cambio climático. Polo tanto sería unha chamada de atención e así o estamos facendo cos colexios, institutos e incluso coas escolas infantís con plantacións nas que participe a xente máis nova para que vaia aprendendo que é moi necesario compartir o medio ambiente coa vida social”.

E engadiu: “así que estamos tratando desde o Concello de Burela poder axudar e colaborar en todo aquilo que sexa positivo para frear todo o que nos debe preocupar sobre o cambio climático. Outra das cousas que queremos favorecer é o aspecto da saúde que nos debe preocupar a todos”.

Alfredo Llano subliñou que “estamos facendo unha labor na mellora dos paseos e favorecer o coñecemento do patrimonio do noso concello, que é moito á beira dos tres ríos que temos. Por exemplo melloramos un área en Vila do Medio onde hai un lavadoiro, tamén imos intentar recuperar un antigo muíño, polo tanto imos tratar de combinar o aspecto medioambiental e etnográfico para que veña xente a facer as diferentes rutas de sendeirismo coas que imos complementar a circular que temos agora”.

Exit mobile version