Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas pistas de atletismo, a demanda que o Ría de Foz lle trasladou ao goberno local

Foz, 13 da abril, 2021. Nunha reunión mantida entre as dúas partes, os dirixentes do Club focego transmitíronlle aos representantes da corporación municipal, o alcalde Fran Cajoto e a concelleira de deportes Gema Méndez, a idoneidade de que a vila de Foz sexa quen albergue o proxecto, e a concreción, dunhas pistas de atletismo na comarca da Mariña.

As razóns que sustentan a petición da Directiva do ‘Ría de Foz’ son múltiples e moi meditadas. Para comezar, o atletismo é un deporte que conta, cada vez cun maior número de seguidores, cunha base sólida e consolidada na comarca de clubs e atletas. Proba diso son a creación dun maior número de clubs, o aumento exponencial da cifra de licenzas deportivas (tanto a nivel de categorías inferiores como absolutas) e o alto número de eventos deportivos relacionados con esta práctica.

Ademais, o feito de carecer dunhas pistas de atletismo na comarca dificulta que os atletas poidan competir en igualdade de condicións cos que si teñen a posibilidade de adestrar nunhas. Mérito engadido ao traballo que xa se está a facer en Foz e noutras vilas mariñás. A día de hoxe, os atletas focegos, e por extensión todos os mariñaos, teñen que realizar viaxes de ida e volta de 2,30h de duración, como mínimo, para poder seguir os seus programas de adestramento. A vila de Foz é o centro neurálxico da comarca da Mariña. Feito este que contribúe, de maneira racional, a que o  concello sexa a ubicación lóxica para acoller estas pistas de atletismo.

Asemade, o equipo de goberno de Foz é coñecedor do estudo profesional que a Directiva do ‘Ría de Foz’ encargou para amosar que é viable, sen ningún tipo de dúbidas, este proxecto. Os representantes mencionados da corporación focega, o alcalde Fran Cajoto e a concelleira de deportes Gema Méndez, amosáronse convencidos da necesidade do proxecto e da repercusión positiva que este suporía para a práctica deportiva e a vida económica do concello.

Desde a Directiva do ‘Ría de Foz’ búscase, deste xeito, mellorar as condicións de traballo do atletismo mariñao, unhas instalacións deportivas dignas e reais que aumenten, aínda máis, a base deste deporte e que leven a soñar con ser berce de grandes atletas. Traballo conxunto, para facer realidade unhas pistas de atletismo no “corazón” da Mariña.

Exit mobile version