Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación destina máis de 362.000€ á mellora da estrada provincial da Pastoriza a Muimenta

Lugo, 21 de maio de 2021. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou unha nova actuación para continuar avanzando na mellora da rede de estradas provincial, un obxectivo prioritario para o Goberno, tal e como destacou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. En concreto, hoxe acordouse licitar obras para a renovación dos 11 quilómetros da LU-P-4401, a estrada provincial que comunica A Pastoriza e Muimenta, ás que a institución destina un investimento de máis de 362.000€. “Trátase dunha actuación moi importante e moi reclamada polos veciños e veciños porque esta vía dá servizo aos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei”, subliñou Pablo Rivera. As actuacións nesta estrada provincial consistirán na rexeneración do aglomerado por tramos e na reposición da pintura da vía.

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou o Plan de Seguridade e Saúde no traballo para acometer as obras de acondicionamento da estrada LU-P-0210, que une A Seara e San Acisclo, entre Alfoz e Foz. Segundo explicou o Deputado de Promoción Económica e Social, “nas próximas semanas comezará a ampliación e renovación dun treito de 200 metros desta vía -entre os puntos quilométricos 5,1 e 5,3- con aglomerado en quente do firme, dotación de iluminación e beirarrúas. Son máis de 110.500€ de investimento da Deputación e o prazo de execución será de 6 meses”. Estes traballos completan a renovación desta estrada na súa totalidade.

Centros de maiores provinciais
Na reunión de hoxe, o Goberno da Deputación deu novos pasos en relación coa rede de residencias públicas ao aprobar a adxudicación de dous dos catros lotes do contrato para o equipamento do Centro de Atención a Maiores de Meira por un importe de 43.300€: un para a dotación de equipos médicos, xogos, material pedagóxico e axudas técnicas, e o outro para pequenos electrodomésticos e material de limpeza.

Pablo Rivera indicou que “a adxudicación dos outros dous lotes restantes está pendente da presentación de documentación”. Trátase do lote para mobiliario xeral, licitado por un importe de máis de 162.200€, e do de material de lavandería, ao que a Deputación destina case 39.800€.
“Coa contratación do equipamento avanzamos no proceso para abrir a residencia de Meira, que, como xa avanzamos, prevemos poñer en funcionamento de cara ó verán”, afirmou o Deputado, quen lembrou que está en proceso de licitación o contrato para a prestación dos servizos básicos do centro cun orzamento base de preto de 625.000€.

As instalacións de Meira contarán con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 se fose necesario, e 20 de centro de día.

Polo que respecta á rede provincial de residencias, a Xunta de Goberno tamén licitou o contrato para o subministro de gas propano nos centros de atención a maiores por un importe de 132.000€ e un prazo de duración que irá entre o vindeiro mes de setembro e o 31 de maio de 2022. “Neste contrato incluímos as residencias que hoxe temos en servizo (Trabada, Pol, A Fonsagrada e Castroverde) agás Ribadeo, porque é o Concello o que asume este tipo de gastos correntes. E tamén dará servizo aos centros que temos previsto poñer en marcha, como os de Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e Ribas de Sil”, explicou Pablo Rivera.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o encargo á empresa pública Tragsa da roza das parcelas do polígono industrial Os Acivros de Chantada. Estes traballos, cun importe de 920€, levaranse a cabo para manter en boas condicións o parque empresarial previndo a posible propagación de lume forestais.

Centro de Proceso de Datos da Deputación
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou sacar a licitación os servizos para a modernización do Centro de Proceso de Datos da Deputación de Lugo. Un contrato por importe de 200.000€ co que se renovará, mellorará e ampliará a infraestrutura informática da institución e que a dotará de maior seguridade e axilidade nos procesos informáticos.

Remanentes do Plan Único 2020
Outro dos asuntos tratados en Xunta de Goberno este venres foi a aprobación da solicitude de catro concellos da provincia de aplicar a novas actuacións remanentes do Plan Único 2020 por un importe conxunto de 60.000€. Pablo Rivera deu conta dos máis de 33.000€ aprobados en Taboada para a pavimentación de diferentes accesos; dos preto de 8.500€ en Palas de Rei para un formigonado en Surribas-Albá, dos case 10.000€ para a pavimentación do Camiño de Pedrouzos no concello de Portomarín e dos 8.000€ para o subministro de material para traída e control de depósitos de auga municipais en Pedrafita do Cebreiro.

Exit mobile version