Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación oponse ás peaxes nas autovías estatais, a iniciativa do BNG

Lugo, 25 de maio de 2021. O BNG logrou o acordo da corporación provincial para rexeitar a imposición de peaxes nas autovías estatais, recollida entre as medidas que o goberno central trasladou á Comisión Europea para liberar fondos para o Estado español e que o Partido Popular puxo xa sobre a mesa no 2018.

O voceiro provincial expresou a “rotunda oposición” do BNG ás peaxes directas, que “prexudican as clases populares, as persoas traballadoras”. “É un despropósito co que pretenden que só poidan usar as vías de alta capacidade os que teñen máis recursos. Os servizos hai que pagalos con impostos, niso estamos dacordo, pero os impostos que son xustos son os que se pagan en relación ao que gaña cada un”, argumentou Efrén Castro.

O deputado nacionalista, que afeou a diferenza de criterio que socialistas e populares manteñen nas diferentes institucións, tamén abondou no impacto da medida sobre a “Galiza e especialmente sobre a provincia de Lugo, vertebrada por vías estatais e sen transporte público alternativo pola falta de servizos ferroviarios que respondan ás necesidades de desprazamento da veciñanza”.

Tras o debate da moción, PSdG e PPdG votaron a favor da iniciativa promovida polos nacionalistas que propón trasladar ao goberno do Estado e ao Ministerio de Transportes a oposición rotunda da Deputación de Lugo á imposición e peaxes.

O BNG fixo valer así no Pleno provincial o posicionamento contra as peaxes que ven mantendo no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados, e que trasladará tamén aos concellos.

PROPOSTA DE GOBERNO PARA RECLAMAR Á XUNTA QUE ASUMA AS RESIDENCIAS PROVINCIAIS

Outro dos puntos de debate do pleno centrouse na proposta presentada por BNG e PSdG para reclamar á Xunta de Galiza que asuma o financiamento dos centros de atención a maiores da Deputación de Lugo e os inclúa na súa rede pública de residencias.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, sinalou a contradición do goberno de Feijóo que, dixo, “non teñen problema en chegar a un acordo con unha entidade privada como a Fundación Amancio Ortega para construír residencias e sen embargo négase a colaborar con outra institución pública como é a Deputación”.

“Se non queren asumir a responsabilidade de atender as nosas persoas maiores, como é a súa competencia, dígano, pero non boten balóns fóra”, concluíu a vicepresidenta ante a negativa do Partido Popular a apoiar a proposta na que tamén se pide modificar o “actual modelo macroresidencial para fortalecer e consolidar unha rede galega de residencias públicas que garanta a permanencia dos maiores no seu entorno e mellore a súa atención sociosanitaria”.

COBERTURA E CONEXIÓN A INTERNET PARA O RURAL

O BNG tamén reclamou á Xunta de Galiza un plan de dixitalización da Galiza rural que garanta unha cobertura de TDT, de conexión móbil e de conexión a internet con banda ancha que permita a particulares e empresas desenvolver a súa actividade.

A moción, que saiu adiante cos votos do PSdG, insta ao goberno de Feijóo a destinar parte dos fondos europeos a dar este pulo a dixitalización no rural e a negociar co goberno do Estado para que no segundo piar da nova PAC 2023-2027 se recoñeza un oco orzamentario par dotar á Galiza rural do acceso á internet en igualdade de condicións que en entornos urbanos.

A este respecto, Efrén Castro lembrou que “se a situación é mala en toda Galiza, onde máis zonas de sombra e sen cobertura temos é na provincia de Lugo”. O voceiro nacionalista tamén sinalou a discriminación do rural no que ten que ver cos prezos dos servizos, debido a posición de monopolio de Movistar.

Exit mobile version