Site icon Crónica3.com A Mariña

A ministra Maroto trasladou este martes ao comité de Alcoa o interese de varias empresas na planta, algunhas delas españolas

Madrid, 4 de maio, 2021. A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, participou na reunión telemática de seguimento sobre o futuro da Planta de Alcoa en San Cibrao onde pediu aos sindicatos unidade de acción para alcanzar un acordo satisfactorio que garanta as capacidades produtivas da planta.

Tamén trasladou o interese de varias empresas na devandita planta, incluso algúns investidores españois, o que demostra que a fábrica é viable.

Incidiu en pedir aos sindicatos confianza no Goberno español e detallou as actuacións levadas a cabo polo Ministerio para acompañar aos traballadores na procura dunha solución, como a comparecencia do Ministerio de Industria no proceso do ERE presentado por Alcoa.

A ministra lembrou que é importante estar unidos, tanto as Administracións como os sindicatos, fronte á multinacional do aluminio.

Maroto comprometeuse a falar coa central de Alcoa para coñecer se manteñen o seu compromiso de vender, iso si, sen as esixencias inalcanzables que esixiu. E pediralles que analicen a viabilidade dos diferentes proxectos presentados, vendan e deixen de causar dano na Mariña.

O Goberno, como o fixo desde o principio, pon todos os instrumentos á súa disposición, incluída a SEPI para facer posible esta venda e traballará coa Xunta de Galicia para acompañar os proxectos de futuro para a planta da Mariña.

Exit mobile version