Na páxina web da Deputación de Lugo habilitarase un espazo no que, durante 15 días hábiles, todos os maiores de 18 anos empadroados na provincia poderán pedir o seu desconto para gastar nos establecementos adheridos do seu concello, unha medida que naceu co propósito de xerar actividade económica nos 67 municipios que conforman a provincia de Lugo. A solicitude realizarase a través da sede electrónica ou mediante o procedemento habitual, presentando a documentación nas oficinas de rexistro.
En cada concello haberá un reparto equitativo dos bonos seguindo criterios obxectivos, como a poboación, o número de persoas en situación de desemprego e o número de empresas dadas de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). En base a iso, a Deputación establece un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes. Cada beneficiario deberá usar o seu Bono nos establecementos adheridos ao concello no que reside, agás que non haxa ningún inscrito.
Os bonos poderanse gastar en todo tipo de actividade comercial, hostaleira e de servizos, agás á compra de bebidas alcohólicas, tabaco e lotarías. Asignaranse por orde de presentación de solicitudes, respectando o número mínimo e máximo establecido de bonos por concello, e fixando nesta primeira fase de asignación un máximo dun bono por persoa. Os beneficiarios recibirán na súa casa, a través de correo postal, o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono será nominativo, é dicir, levara o nome e apelidos de cada persoa, o que permitirá identificalo no momento da compra. De non esgotarse todos os bonos nesta primeira fase de solicitude, a Deputación de Lugo habilitará novos prazos e realizará sorteos entre aqueles cidadáns interesados en participar no programa.
Na páxina web da Deputación hai habilitado un espazo específico e visual onde os interesados poden encontrar información útil sobre a campaña. Así mesmo a institución provincial ten habilitado o teléfono 982.260.204 e o enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org para calquera dúbida que poida xurdir.
O vindeiro martes a institución provincial publicará a listaxe dos preto de 700 establecementos da provincia participantes na campaña. Técnicos da institución provincial visitarán cada un deles para explicarlles o funcionamento dos Bonos Impulso de xeito individualizado e entregarlles un distintivo da súa adhesión no programa. Un cartel que deberán colocar nun lugar visible, facilitando así que a veciñanza saiba en que establecementos poderá canxear os descontos.
Efecto multiplicador
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que a institución provincial destina 510.000€ para os Bonos Impulso, “unha inxección económica moi relevante en termos de consumo porque segundo os estudos económicos dos técnicos o impacto económico de cada euro investido multiplicarase por tres”. Tomé explicou que “unha gran parte dos autónomos e das pequenas empresas atravesan momentos difíciles, por iso queremos axudar á súa recuperación con esta importante medida. Os Bonos Impulso da Deputación son un incentivo para apoiar ás empresas e ás familias, promoven a actividade nas tendas de barrio e nos negocios de sempre, e axudan á concienciación da relevancia social que teñen no noso día a día”, incide Tomé Roca.
Así mesmo, o mandatario provincial recalca que esta medida “é unha inxección directa de recursos nos sectores máis afectados pola pandemia, crean valor engadido e xeran un efecto multiplicador na economía porque, como sempre dixemos, queremos unha recuperación sostible no tempo, unha recuperación estable e unha recuperación eficaz do tecido produtivo”. Á súa vez, lembrou que “o papel das Deputación é este, o de colaborar cos concellos e colaborar co tecido produtivo con actuacións de impulso, de promoción e de recuperación da economía”.