Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia e a FAPACEL colaborarán para ampliar a oferta deportiva nos concellos con menos poboación

Lugo, 26 de maio de 2021. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará coas asociacións de nais e pais da provincia para achegar o deporte e a actividade física aos concellos con menos poboación.

O deputado de Deportes e Artesanía e Deseño, Efrén Castro, e a presidenta da Federación Provincial de ANPAS (FAPACEL), Isabel Calvete, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para definir as iniciativas a desenvolver de cara ao vindeiro curso.

Unhas das propostas que se concretaron é a celebración de xornadas na que se facilite a nenas e nenos o contacto e o coñecemento de disciplinas minoritarias ou que non ofrezan os clubs e entidades deportivas de cada zona, e mesmo de xogos tradicionais. As xornadas programaranse no inicio do curso, coincidindo coa etapa na que as asociacións de nais e pais traballan no deseño de actividades para o alumnado.

Efrén Castro sinalou que “a iniciativa axudará a ampliar o abano de opcións para a práctica deportiva. En xeral, contamos cun tecido de clubs moi diverso, pero nos concellos con pouca poboación nos que a oferta é máis limitada, estas xornadas poden xenerar novas afeccións e novas vías para xeneralizar a actividade física na infancia”.

O deputado nacionalista tamén valorou “a oportunidade que este tipo de iniciativas supón para chegar a nenos e nenas co deporte, desligado do ámbito competitivo, un aspecto no que incidiron especialmente desde a Federación de Anpas”.

Promoción da artesanía nos centros de ensino

Durante a xuntanza, abordouse tamén a posibilidade de achegar a artesanía aos centros de ensino a través das actividades que desenvolven as asociacións de nais e pais. Desde a FAPACEL interesáronse especialmente por recursos como a colección de instrumentos e obxectos sonoros do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) e tamén por actividades vencelladas aos oficios do tecido.

Exit mobile version