Site icon Crónica3.com A Mariña

Adxudicada en 50.000€ a redacción do proxecto construtivo das actuacións necesarias para minimizar o risco de asolagamento en Xunqueira, Viveiro

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a redacción do proxecto construtivo para definir as actuacións precisas para minimizar o risco de asolagamento en Xunqueira, no concello de Viveiro.

Este contrato foi adxudicado á empresa Ingeniería del Noroeste, S.L. por preto de 50.000 euros. O prazo de execución é de 6 meses.

O contrato ten como obxectivo deseñar o proxecto que servirá de base para executar as actuacións que contribúan a minimizar o risco asociado á área identificada como de risco potencial significativo de inundación do río Fontecova, ao seu paso polo núcleo de Xunqueira.

Nos traballos que se desenvolverán neste contrato inclúense actuacións destinadas ao necesario aumento e naturalización do leito do río, reforzo de cimentacións danadas, ampliación de pontes, adecuación dalgunhas das infraestruturas pegadas ao leito, así como a reubicación dun lavadoiro.

Plan específico de xestión de risco
A Xunta elaborou un plan específico de xestión de riscos de inundación para Xunqueira, no que propón varias actuacións susceptibles de ser desenvolvidas nun proxecto construtivo. Este plan foi presentado ao Concello coas distintas alternativas identificadas e a eficacia calculada para cada unha delas na redución dos riscos de inundación.

O Concello elixiu as alternativas que considerou oportunas e solicitou á Xunta a súa colaboración na concreción das mesmas nun proxecto a nivel construtivo. Para iso, a Xunta asinou co Concello de Viveiro e coa Deputación Provincial de Lugo un convenio de colaboración, polo que Augas de Galicia asume a contratación dos traballos adxudicados hoxe, cofinanciando as tres administracións a partes iguais o investimento necesario previsto para este fin.

Neste plan específico elaborado pola Xunta, inclúense tamén recomendacións para a toma de medidas precisas por parte do Concello para protexer á poboación de Xunqueira ante episodios de enchentes. Entre elas, a aplicación de políticas urbanísticas que respecten as contornas fluviais do río, a redacción dun Plan de actuación municipal para as inundacións ou a promoción da contratación de seguros contra os danos por riadas.

Avaliación de riscos permanente
Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio e ata o vindeiro 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano.

En paralelo, Augas de Galicia desenvolve os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; o Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; así como en Fontecova e Trasposta, en Viveiro.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e concellos, para minimizar o risco de enchentes.

O departamento que preside Ethel Vázquez segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.

Exit mobile version