Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega sinala que “a Xunta está disposta a colaborar na mellora do asilo de Ribadeo”

Ribadeo, a 29 de maio de 2021. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, vén de reunirse coa conselleira de Política Social, Fabiola García, dando un paso máis na búsqueda de orzamento para a mellora das instalacións do hospital asilo de Ribadeo. O popular explica que neste encontro a conselleira trasladou que “a Xunta está disposta a colaborar economicamente” porque o seu obxectivo é “garantir a calidade de vida dos nosos maiores”.

Vega pon en valor “a colaboración institucional” que a Xunta amosou nesta reunión que mantivo coa conselleira para explicarlle polo miúdo as necesidades de mellora no hospital asilo de Ribadeo.

Explicacións sobre a herdanza e búsqueda de orzamento
O popular sinala que “foi o noso Grupo Municipal o que deu o primeiro paso ao esixirlle ao goberno local do BNG explicacións sobre a herdanza que o doutor Moreda deixou ao Concello coa finalidade de mellorar as instalacións do hospital asilo” porque “o noso obxectivo é que tódolos veciños estean informados e esiximos transparencia”.

Vega destaca, unha vez máis, a boa vontade deste filántropo porque o valor do seu patrimonio – arredor de 800.000 euros- garante unha parte do orzamento preciso para reforma o hospital asilo ribadense. Con todo, sendo consciente de que non cubrirá a totalidade dos custes para a reforma do centro, “dende o Grupo Municipal puxémonos a traballar dende o comezo na búsqueda de orzamento para as demandadas e necesarias obras de mellora das instalacións do hospital asilo”.

Exit mobile version