Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo presenta en Fitur un novo instrumento de promoción como lugar para vivir, investir e emprender

Mondoñedo, 20 de maio de 2021. O Concello de Mondoñedo presenta en Fitur un novo instrumento de promoción de Mondoñedo como lugar para vivir, investir e emprender: o Plan de Dinamización Urbanístico, Demográfico, Económico e Social Mondoñedo Rexurbe, en colaboración coa Xunta de Galicia, un plan “moderno, creativo e real”. Precisamente, a tenente de Alcalde, Elena Candia, participou no día de onte nesta feira internacional, onde, aínda que dun xeito diferente, aproveitou a xornada para levar a cabo reunións “estratéxicas”. É o caso do encontro que mantivo coa escritora Espido Freire e a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, ou co presidente de Foro ECOFIN e do Clúster Madrid Capital Fintech, Juan Verde, así como con Luis Castillo, presidente da Comisión de Silver Economy do clúster MAD FinTech, quen, a través da súa empresa, impulsa o consumo nos mercados municipais de Madrid coa tarxeta Silver Money.

O Concello destaca a riqueza histórica, cultural e artística; ademais da súa singularidade paisaxística a través dun vídeo de promoción de Mondoñedo como “un lugar ideal para vivir, investir e emprender”. A peza audiovisual recolle distintos atractivos do municipio recoñecido como un dos Pueblos Más Bonitos de España e que conta cun conxunto histórico artístico recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1985, a declaración como Área de Rehabilitación Integral (ARI) no ano 1998, Patrimonio da Humanidade dende o 2015 e Área Rexurbe dende o 2020.

A catedral é un dos elementos patrimoniais máis emblemáticos, pero a cidade de Mondoñedo posúe moitos outros referentes históricos, artísticos e culturais como é a figura de Álvaro Cunqueiro ou a ponte do Pasatempo e o barrio dos Muíños que concentra boa parte da actividade do eido da artesanía do municipio.

Municipio Doing Business
De cara a favorecer o asentamento de empresas, o Concello de Mondoñedo ofrece a colaboración da administración local e facilidades para o asentamento comercial. Ademais, adheriuse á iniciativa Doing Business impulsada desde o IGAPE que permite ofrecer vantaxes fiscais ás empresas que se instalen no seu territorio. Deste xeito, os proxectos empresariais que xeren emprego disporán de rebaixas no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e no Imposto de Actividades Económicas (IAE).

Dende o goberno municipal recordan a ampla dispoñibilidade de solo industrial no municipio e continúan a demandar á entidade que xestiona o polígono de Mondoñedo e que depende do Goberno do Estado, Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), o abaratamento do solo industrial para facer do polígono mindoniense un espazo competitivo.

Por outra banda, dende o Concello promoven e apoian os sectores do turismo e o agroalimentario mindoniense baseados en prácticas ecolóxicas e sostibles e pon en valor os produtos da horta e o pan de Mondoñedo. Tampouco se esquece do sector forestal, moi importante na comarca, e para o que o municipio constitúe unha “ubicación ideal para o asentamento de empresas do sector”, así como do potencial turístico.

Un municipio para vivir
As liñas de traballo que están a seguir o goberno local son as de dinamizar a economía local e mellorar as condicións de vida dos veciños, tal e como recollía na segunda fase do plan ‘Mondoñedo, Municipio para Investir’ presentado en setembro do ano pasado.

Así de cara ao asentamento da poboación, o goberno local defende tamén que “Mondoñedo é un espazo idóneo para teletraballar ou desenvolver proxectos coworking” e sinalan a dispoñibilidade de conexión 5G a Internet. E, ademais da dotación de distintos servizos sociais e educativos, o Concello fai fincapé na conectividade do municipio a través de distintas vías de comunicación como son a autovía A-8, os aeroportos a unha hora de distancia ou as praias e a costa a 20 minutos. E outra das oportunidades que presenta Mondoñedo é a posibilidade de optar a axudas para a rehabilitación de vivendas.

O vídeo recolle tamén a “variada oferta turística” do municipio vinculada ao patrimonio histórico artístico, pero tamén á natureza. Así, Mondoñedo ofrece distintas posibilidades para o desenvolvemento de turismo activo: visitas á Cova do Rei Cintolo, sendeirismo, rutas BTT e tamén é final de etapa do Camiño Norte de Santiago.

Exit mobile version