Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova vitoria das campioas, 5-2 sobre STV Roldán FSF

Burela, 22 de maio, 2021. As Guerreiras Laranxas abriron o Sábado Laranxa en Vista Alegre cunha gran vitoria ante STV Roldán FSF (5-2) na despedida da tempada para o equipo en casa. Pola tarde, ás 18.30 horas, o Pescados Rubén Burela FS masculino vivirá unha final máis da elite fronte á gran etapa do Aspil Jumpers Ribera Navarra.

Insistiu en ataque o conxunto mariñán, con moito perigo desde os compases iniciais a través de Bea Mateos e Leti merodeando a rede dunha Almudena moi correcta. Aplicouse STV Roldán para frear a ofensiva burelista, que conseguiu a merecida iniciativa no minuto 8 na saída de Elena Aragón á pista; a andaluza brindoulle un regalazo a Cami ao segundo pau. Con todo, pouco durou a vantaxe; a igualada protagonizouna Marta Pelegrín aproveitando un pase burelista moi próximo á rede local. Recuperaron a vantaxe as galegas no 14 a través de Luísa Mayara, asistida na frontal por Dany. Marta Pelegrín no minuto 15 puxo o maior perigo visitante, a balón parado. No 19 a punto estivo de chegar o terceiro tras a recuperación de Dany e con Jane buscando ao segundo pau a Elena Aragón.

Tívose que aplicar a fondo Sandra Buzón no regreso ao parqué fronte a un rival moi incisivo; a santanderina freou a Ángela Górriz e máis tarde a dobre tentativa de Alba Gandía pero nada puido facer no 22, precisamente fronte á 11 do Roldán, nunha recuperación que sentenciou ao segundo pau para recuperar táboas. Jane, no 24, rozou o terceiro galego nunha bonita picada que desartellou o traveseiro. Con todo, non perdoou Elena Aragón no 26 desde saque de banda; recibiu Leti en pivote para deixarlla á 19 laranxa. Co 3-2, o Pescados Rubén deu un golpe de autoridade. Rozaron o cuarto Jane e Bea Mateos no ecuador do segundo acto cunha brillante resposta de Almudena, de novo. Foron Luísa Mayara, con servizo de Dany de tacón no 35, e a propia Dany de rexeite no 36, as que aproveitaron para ampliar ata o 5-2, máis que merecido tras o bo inicio da segunda parte das murcianas. Responderon as de Juan Alcaraz con xogo de cinco a falta de case tres minutos sen recompensa.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Cami, Bea Mateos, Ale de Paz, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Luísa Mayara, Jane, Dany, Lara Balseiro, Elena Aragón, Sandra Buzón

STV Roldán FSF: Almudena, Marta Pelegrín, Riscos, Alba Gandía, Mariángeles, cinco inicial; tamén xogaron Lola, Consolo, Laura, Ángela Górriz, Cristi Sánchez, Andrea

Goles: 1-0, minuto 8, Cami; 1-1, minuto 9, Marta Pelegrín; 2-1, minuto 14, Luísa Mayara; 2-2, minuto 22, Alba Gandía; 3-2, minuto 26, Elena Aragón; 4-2, minuto 35, Luísa Mayara; 5-2, minuto 36, Dany

Árbitros: López López // Martínez Torres. Por Burela amarela para Lara Balseiro (minuto 27), Bea Mateos (minuto 37). Por Roldán amarela para Marta Pelegrín (minuto 25)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 7 (segunda fase) de Primeira División Feminina disputado no municipal Vista Alegre. As Guerreiras brindaron á Bancada Laranxa os galardóns dos seus dúas últimas conquistas, a Copa de S. M A Raíña e a XIV Copa Galicia.

Exit mobile version