Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Muras vén de ser recoñecido co Premio Eolo á Integración Rural da Eólica

Muras, 30 de maio, 2021. O concello lucense de Muras vén de ser recoñecido co Premio Eolo á Integración Rural da Eólica “por tratarse dunha comarca modélica no desenvolvemento eólico” segundo o xurado reunido en Madrid o pasado 26 de maio. A Asociación Empresarial Eólica (AEE) outorga os Premios Eolo como un recoñecemento á enerxía eólica en España e, nesta X Edición participaron máis de 300 candidatos nas distintas categorías.

A implantación desta enerxía no territorio de Muras comezou hai 20 anos. Este concello, de algo máis de 163 km cadrados e con 614 habitantes, ten agora unha potencia eólica instalada de 485 MW repartidos en 15 parques eólicos e 381 aeroxeradores das empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento.

Foi xa en 1995 cando comezaba a construción do primeiro parque eólico na zona. Pero a chegada dun novo equipo rexedor en 2015 encabezado Manuel Requeijo -reelixido nas eleccións munipais de 2019- significou o comezo de novos enfoques ante esta realidade. “O que buscamos dende o comezo”, explica o alcalde, “é que os beneficios da enerxía eólica redundasen nos lugares onde están asentados os parques e os muíños. É importante repartilos dunha forma xusta, debemos democratizar a enerxía en todo o país, en Muras xa demostramos que se pode, pero hai que implementar medidas para toda Galiza. Os beneficios deben revertir de forma directa ou indirecta no territorio que sofre os prexuízos medioambientais e sociais, para evitar o despoboamento dos municipios rodeados por muíños”, continúa Requeijo. “Por exemplo, reformando a base impoñible do canon eólico, aumentando os impostos, establecendo tarifas galegas de enerxía eéctrica, con reinvestimento do beneficio para crear novas empresas no territorio, entre outras medidas… Ese é o único camiño para que os recursos naturais se exploten de maneira racional e sustentable”.

Aproveitar os recursos con sentido. Habida conta de que máis do 50% dos recursos municipais proveñen dos parques eólicos polo Imposto de Actividades Económicas, o IBI de características especiais, e subvencións autonómicas como o Fondo de Compensación Ambiental, “decidimos dende un comezo”, continúa o alcalde, “que os impostos que xeneran os parques revertisen ao 100% na zona”. Finalmente a decisión foi que os recursos fosen a subvencionar actuacións que mellorasen a calidade de vida xeito directo: axudas para o pago da factura da luz desde 2017 (chegan ata os 77.000 euros no orzamento), axudas á natalidade, bonos e medidas de conciliación para fomentar a permanencia no municipio, investimentos de substentabilidade enerxética (instalación de enerxías renovables para servizos públicos, adquisición de vehículos eléctricos, e instalación de puntos de recarga); mellora de prestacións sociais, rehabilitación e mellora de infraestruturas municipais e acondicionamento urbano xeneral (rede de subministración de auga potabilizada e adecuación á normativa das existentes), así como a reconversión de antigas escolas en locais sociais, espazos para autocaravanas e observatorios do ceo e as estrelas. De feito o pasado decembro Muras alcanzou a consideración de Concello Starlight, ao estar exento de contaminación lumínica.

Se ben os proxectos eólicos favoreceron novos impulsos na zona, o goberno municipal é partidario “dun modelo enerxético máis xusto, no que a Xunta de Galicia participe tamén das explotacións”. Pensa que cómpre “revisar o plan éolico de Galicia, xa é vello, o tempo pasa rápido e hai que facer un novo plan que protexa o territorio e que desenvolva con sentidiño o sector aunando os intereses de todas as partes creando sinerxias entre as distintas administracións. Hai que buscar novos espazos para o entendemento, e atopar un consenso que debe plasmarse en varias modificacións da normativa vixente. E parar este boom de instalacións de parques en calquera ferrado de monte que están promovendo Feijóo e o PPdeG. Non pode ser que se poidan poñer muíños en zonas nas que está previsto a ampliación da Rede natura, ou que os instalen a unha distancia irrisoria de vivendas e lugares habitados”.

Dende a Corporación, en todo caso, significan que están “moi contentos por este recoñecemento”, animando a outros concellos a facer o mesmo para mellora a calidade de vida dos seus veciños. Tamén agradecen a implicación nesta candidatura de Acciona, Asociación Eólica de Galicia, Iberdrola, Norvento Enerxía, Enel Green Power, Sincro Mecánica (Grupo Intaf) e Tesicnor.

Exit mobile version