Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo inicia as obras de reparación do pavimento da Praza da Música

Ribadeo, 4 de maio de 2021. O Concello iniciou as obras de reparación do pavimento da Praza da Música, na mazá interna da urbanización que está detrás da Oficina de Turismo. O custe dos traballos ascenderá a 33.000 euros que serán satisfeitos con fondos municipais. O alcalde, Fernando Suárez, declarou que o Concello dará así cumprimento a unha sentenza “asumindo os efectos e consecuencias de planificacións urbanísticas cuestionables que se remontan vinte anos atrás”.

O rexedor contou que “se iniciaron as obras de reparación do pavimento da Praza da Música, na mazá interior da urbanización que está detrás da Oficina de Turismo. Estas obras veñen dadas por unha sentenza que o xulgado fallou indicando que era o Concello quen debera asumilas por ser a parte superior de acceso e de uso público mentres que a parte inferior está destinada a aparcadoiros dos propios edificios”.

Suárez Barcia explicou que “as obras necesarias foron propostas pola comunidade de propietarios do edificio, sobre un proxecto técnico que as valoraba nuns 17.000 euros, e finalmente estas obras teñen un custo duns 33.000 euros que serán satisfeitos con fondos municipais”.

O alcalde ribadense dixo que “desde o Concello non cuestionamos as sentenzas, senón que fixemos todo o que estivo na nosa man para cumprilas, escollendo a empresa que aos técnicos lles pareceu máis cualificada para a execución dos traballos e encetar as obras agora na primavera, cando a meteoroloxía é máis benigna”.

Fernando Suárez indicou que “aínda que, como non pode ser doutro xeito, tamén queremos valorar esta situación creada, e é que o goberno actual ten que asumir os efectos e consecuencias de planificacións urbanísticas cuestionables, que se remontan a máis de vinte anos atrás, e que corresponden ás decisións de gobernos que autorizaron os cambios de volumetría e distribución dos espazos públicos e privados “dunha disposición orixinal clara de espazos públicos no solo e no subsolo, con miradoiros sobre a ría de Ribadeo abertos, pasouse a aceptar unha disposición de ter unha praza pública interior, cun subsolo privado), de tal xeito que agora, máis de vinte anos despois, o Concello ten que soportar unha carga por algo que nunca debera ter sido así”.

E engadiu que “con todo, non se cuestiona e traballaremos para que non se volvan producir desperfectos que afecten a este subsolo. Isto tamén contempla a prohibición absoluta de acceso a esa praza pública tanto de vehículos como de outras circunstancias que poidan deteriorar o pavimento xa que non queremos que se volva culpabilizar ao Concello de ningún problema máis”.

Exit mobile version