Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo pide ao Ministerio a titularidade dos alumeados das rotondas de acceso á vila para garantir a seguridade

Ribadeo, 27 de maio de 2021. O Concello pídelle ao Ministerio de Fomento asumir a titularidade dos alumeados das rotondas de Vilaselán, Dompiñor e A Vilavella. O alcalde, Fernando Suárez, considera que son un perigo para os peóns e os vehículos en días de choiva e durante o inverno. O rexedor trasladouse esta mañá ata a rotonda de Vilaselán xunto cos concelleiros de Obras e de Medio Rural, Mónica Freire e Jorge Díaz.

O alcalde ribadense declarou que “esta petición formal que lle facemos ao Ministerio de Fomento, non é outra que a de que nos trasladen a titularidade e a responsabilidade dos alumeados das tres rotondas que envolven a Ribadeo: a da Vilavella, a de Dompiñor e a de Vilaselán”.
Suárez Barcia sinalou que “facemos isto cando non nos correspondería, porque non son ámbitos municipais senón de propio Estado, porque consideramos que é a única maneira de poder volvelas iluminar porque o Estado hai dez anos, con aquelas instrucións de aforro enerxético por mor da crise, estableceu unha normativa de que as rotondas que non teñan unha serie de miles de persoas que as crucen non se deben iluminar, e con ese precepto legal seguen así desde hai anos”.

O rexedor subliñou: “cremos que é un perigo, especialmente na rotonda de Vilaselán, que comunica o ámbito urbano do Ribadeo vila co ámbito urbano da parroquia de Vilaselán, hai pasos de peóns, etc…, esta moi mal sinalizado e é moi perigoso especialmente nas épocas do inverno, con choiva, etc… Unha cousa similar tamén poderíamos dicir das rotondas de Dompiñor e da Vilavella”.

Para Fernando Suárez: “a única maneira é que o Concello asuma o custo enerxético desas farolas para que as poidamos volver iluminar. Consideramos que será un gasto a maiores, non vai ser tampouco unha cousa doutro mundo, pero con iso melloraremos non só desde o punto de vista estético de recepción de calquera persoa e vehículo que entre en Ribadeo que poida ver as rotondas iluminadas, pero sobre todo actuaremos na seguridade tanto dos viandantes como dos vehículos que usen esas vías de comunicación”.

Exit mobile version