Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro aclara que a maior parte dos contratos municipais xa están adxudicados, outros en proceso de contratación e unha pequena parte pendentes de tramitar

Viveiro, 20 de maio de 2021. A actual Lei de Contratos do Sector Público entrou en vigor en 2018 e nese momento obrígase a todas as administracións públicas a sacar todas as prestacións e subministros a contratación, dende o papel ou material de ferretería ata os servizos máis relevantes.

A raíz dese momento, o Concello de Viveiro comezou a realizar a tramitación de todos os expedientes, dentro das súas posibilidades, posto que isto, a maiores dos contratos que xa de forma ordinaria había que tramitar, supuxo un colapso no servizo de contratación.
Dende o goberno municipal, ante as informacións aparecidas na prensa sobre os reparos de legalidade, quérese informar que a noticia fai referencia aos reparos correspondentes ao exercicio 2020, aclarando que a práctica totalidade destes reparos corresponden a contratos que nestes momentos xa están tramitados ou se atopan en tramitación.
Unha parte relevante deste importe deriva de facturas correspondentes a servizos dun custe considerable, como poden ser os servizos de axuda no fogar, recollida de residuos sólidos urbanos ou subministro de enerxía eléctrica, entre outros.

O servizo de axuda no fogar e o servizo de subministro eléctrico xa se atopan neste momento adxudicados, e o contrato de recollida de residuos sólidos urbanos está en tramitación pendente de adxudicar. Cabe destacar, neste sentido, que estes tres expedientes, ao igual que o expediente de telefonía e internet, que tamén está en trámite, son expedientes complexos, que requiren de estudos exhaustivos para a elaboración da documentación técnica que vai rexer a licitación, o que motivou o retraso na súa tramitación e consecuentemente os reparos correspondentes a ese tempo.

Cómpre explicar, por outra banda, que o resto de reparos se corresponden con prestacións e servizos necesarios, que polo seu importe anual viñan sendo realizados mediante contrato menor e que, coa entrada en vigor da nova lei de contratos do sector público, non teñen cabida nesta figura e foi preciso realizar a correspondente tramitación para sacalos a licitación, o que supuxo un importante colapso no servizo de contratación.

De todos os xeitos, este concello en ningún momento estivo parado e fixo todo o que estaba na súa man, realizando incluso unha contratación de persoal por acumulación de tarefas para este cometido.
Nestes momentos, a maior parte dos contratos que se atopaban sen licitar e que motivaron os correspondentes reparos no exercicio pasado xa se atopan contratados, outros en proceso de contratación e unha pequena parte pendentes de tramitar.

Como dato pode sinalarse que en 2020 se tramitaron un total de 30 contratos e no vai de ano están en tramitación 26 expedientes. A previsión deste concello foi poñerse ao día nos expedientes contractuais durante o presente exercicio 2021, previsión que vai a moi bo ritmo tendo en conta que se atopan pendentes de tramitar moi poucos expedientes e que aínda non estamos a mediados de ano.

Atendendo a que se fixo todo o posible para poñer ao día estes expedientes no menor tempo, contando coa colaboración para elo de diverso persoal de distintos departamentos municipais, volve a ser Viveiro, unha vez máis, un dos municipios pioneiros en contar coa licitación de todas as súas prestacións.

Con estes trámites, van quedar solventados os reparos existentes en 2020 aos que fai referencia o grupo do PP.

Tendo en conta que os motivos dos reparos atendían fundamentalmente á inexistencia de contrato en vigor; a que as facturas reparadas respondían a necesidades deste concello que non podían deixar de atenderse, en tanto non se tramitase a correspondente contratación; a que a figura do reparo contempla o seu levantamento por causas xustificadas que resultaban acreditadas e se fundamentaban en cada un dos levantamentos; e a que a carencia de expedientes de contratación xa está en gran parte solventada, considero que as declaracións realizadas polo grupo do PP, unha vez máis, distorsionan a realidade co fin de confundir aos veciños e veciñas de Viveiro e desprestixiar o traballo deste equipo de goberno, técnicos e persoal municipal, que lonxe de desatender aos requisitos legais establecidos, fixeron e están a facer todo o posible para ter ao día todos os procedementos de contratación.

Finalmente, resaltar que o levantamento do reparo é unha figura contemplada na normativa e, polo tanto, legal, que permitiu seguir prestando servizos e que todos os proveedores puidesen cobrar as súas facturas.

Exit mobile version