Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro inicia unha nova campaña de control da gaivota patiamarela

Viveiro, 7 de maio de 2021. O Concello de Viveiro pon en marcha, un ano máis, o servizo gratuíto para o control da poboación urbana da gaivota patiamarela e a pomba común para a campaña de nidificación deste ano. Viveiro foi un dos concellos pioneiros en prestar este servizo, que inicia en 2021 a súa terceira campaña no municipio.

O obxectivo xeral que persegue este servizo é mellorar a calidade de vida da veciñanza de Viveiro, realizando unha correcta xestión da poboación destas aves para previr e evitar o crecemento desmesurado da mesma, provocando posibles pragas e problemas de salubridade pública, á vez que se asegura o benestar desta especie.

“Este servizo redunda no beneficio tanto da cidadanía como dos animais, garantindo o seu coidado. Esta terceira campaña iníciase tras os éxitos das edicións anteriores, que avalan a satisfacción dos veciños coa iniciativa”, afirma María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Na campaña de 2020, 214 parellas destas especies foron intervidas, retirándose 341 niños, 576 ovos e 116 polos.

Unhas cifras similares á primeira edición da campaña, en 2019, cando se interviñeron 186 parellas e retiráronse 354 niños, 550 ovos e 166 polos retirados.

O servizo busca a redución e desprazamento da poboación de gaivotas que colonizou o medio urbano, facendo uso do mesmo para alimentarse dos refugallos xerados e colonizando os tellados para situar as súas zonas de cría. Esta situación xera unha serie de problemas para a cidadanía, como ruídos, malos cheiros, danos nos tellados e mesmo ataques ao ser humano. Así mesmo, preténdese reducir a poboación da pomba común no concello de Viveiro durante o prazo de duración do servizo (2021-24).

O plan de actuación deste ano consistirá nun estudo poboacional inicial da gaivota patiamarela e da pomba común, as cales utilizan o medio urbano durante a época reprodutiva e da súa distribución no centro urbano. Este estudo iniciouse no mes de abril e complementarase durante a campaña de retirada de niños, o que proporcionará unha referencia exacta do problema xerado en Viveiro.

A partir do mes de maio comezarase coa retirada de niños de gaivota, finalizando o control dos tellados con problemas no mes de agosto, realizando un mínimo de dúas visitas a cada tellado afectado, para impedir o nacemento das postas. As intervencións consistirán na visita á propiedade afectada por dous técnicos que procederán a realizar unha revisión ocular do tellado afectado e á retirada dos niños atopados e do seu contido (ovos, pitos). Posteriormente, realizarase o mesmo proceso cun mes de diferenza entre visitas.

Dende o Concello de Viveiro, pídese a máximo colaboración tanto da veciñanza afectada como de quen detecte algún problema dos referidos. Os resultados do servizo dependerán en gran medida da colaboración da cidadanía, favorecendo a mellora da calidade de vida no municipio e axudando a protexer adecuadamente esta especie.

As persoas que así o desexen poderán solicitar o servizo a través dos seguintes teléfonos de contacto:

-Concello de Viveiro: 982562968
-Larus Control (empresa concesionaria): 689 838 359 ou laruscontrol@hotmail.com

Exit mobile version