Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista urxe a Portos de Galicia a axilizar o cambio de titularidade dos espazos sen uso portuario a favor dos concellos

Santiago de Compostela, 05 de maio de 2021. O parlamentario socialista Julio Torrado urxiu hoxe a Portos de Galicia a acelerar o cumprimento do acordo parlamentario para pedir o cambio de titularidade dos terreos sen uso portuario a favor dos concellos. Torrado presentou unha pregunta en Comisión para sinalar a preguiza do ente autonómico á hora de levar adiante a desafectación de terreos, por canto os concellos “presentan solicitudes que caen no caixón do esquecemento”.

Emprazou a Portos a ceder a titularidade, que “é moito mellor que sexa eficiente para os cidadáns antes de que Portos se dedique a forrarse a costa dos concellos”. Aludiu así aos terreos destinados nun momento á actividade portuaria, pero que co desenvolvemento das vilas pasaron a ser empregados polos concellos, polo que ortos “cobra, recolle e recada pero non se ocupa” do mantemento, provocando unha “desatención que ten que ser asumida polos concellos”.

O responsable socialista puxo como exemplo o caso de O Grove, onde o edificio do Concello está directamente en terreo portuario, o Salón Peña en Cambados, ou o Centro de Saúde de Cariño, todos eles exemplos que nada teñen que ver coa actividade portuaria pero nos que o ente autonómico retén as súa titularidade.

Chamou a axilizar a desafección da titularidade a favor dos concellos, cumprindo co mandato grazas a unha iniciativa do Grupo Socialista aprobada en Pleno no pasado ano 2020, que supuxo un cambio de posición do PP, que viña de rexeitar a mesma proposta en 2018. Reclamou proactividade de Portos para asumir o mandato parlamentario co que “verbalmente se manifestan de acordo” pero que en realidade eluden darlle cumprimento.

Exit mobile version