Site icon Crónica3.com A Mariña

O lavadoiro de Rinlo, de importante valor patrimonial, recibe obras de mellora

Ribadeo, 24 de maio de 2021. A Concellaría de Obras está a realizar melloras no lavadoiro de Rinlo. A edil Mónica Freire subliñou que se trata dun elemento patrimonial que segue a ser empregado pola veciñanza na actualidade.

A concelleira de Obras explicou que “o Concello de Ribadeo nestes días, a través da súa brigada de Obras, está habilitando e realizando traballos de mellora no acceso ao lavadoiro de Rinlo. Trátase dun elemento patrimonial que a día de hoxe segue sendo empregado pola veciñanza de Rinlo e no que, debido á acción do mar, a entrada se atopaba en mal estado e era complicado o acceso ao seu interior”.

Mónica Freire sinalou que “deste xeito foi preciso habilitar unha entrada máis segura, para o cal estamos a facer un murete de pedra para ampliar esa zona e colocaremos tamén unha varanda de madeira. Todo isto tendo en conta que se trata dun elemento situado nun entorno natural, polo que todo o que se está a facer se fai co mínimo impacto para que quede o máis integrado neste espazo”.

E engadiu: “estes traballos de mellora e de posta en valor do noso patrimonio seguirán nas próximas semanas e virán completar os xa feitos hai un tempo de substitución das fiestras rotas”.

Exit mobile version