Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP alerta que no proceso de selección para unha praza de técnico de edificación da Deputación houbo discrepancias entre o tribunal, alegacións dos aspirantes e un recurso xudicial

Lugo, 21 de maio de 2021. O grupo provincial do PP leva a cabo un seguimento detallado da política de persoal na Deputación de Lugo, un traballo que pon de manifesto que os procesos de selección, dende que o socialista Tomé preside a institución, están baixo a sombra da sospeita. Como anunciaran os populares, e tras obter autorización para acceso ao correspondente expediente, revisaron, por medio do viceportavoz José Antonio García, á documentación correspondente ao proceso selectivo para cubrir unha praza de técnico de edificación.

José Antonio García sinala: “Comprobamos que hai un número importante de alegacións formuladas por participantes neste proceso selectivo e, o que resulta especialmente significativo, discrepancias entre os membros do tribunal, incluso con informes nos que un deles manifesta estar radicalmente en contra da valoración da aspirante que saíu elixida”.

García lembra que, como xa deu a coñecer o grupo provincial do PP, “este asunto está neste momento xudicializado, porque unha das aspirantes presentou recurso xudicial”. Engade: “Por este motivo queremos ser moi prudentes e esperaremos a que se produza a resolución xudicial”.

En todo caso, os populares ven que “desde que Tomé está na presidencia da Deputación, todos os procesos selectivos acaban tendo unha sombra de sospeita, o que dá como resultado un grave e lamentabilísimo deterioro da imaxe da institución”. José Antonio García lembra que no seu día a Audiencia Provincial decidiu arquivar a causa na que estivo investigada, polas obras da piscina de Monterroso, a persoa á que foi adxudicada a praza de técnico de técnico de edificación.

Exit mobile version