Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de A Fonsagrada, contra a proposta do alcalde para ceder á Garda Civil de Tráfico o control da circulación rodada na vila

A Fonsagrada, 10 de maio de 2021. Cando un goberno, do ámbito que sexa, trata de librarse de competencias, xeralmente constitúe un recoñecemento da súa incapacidade de xestión. Isto é o que ocorre no Concello de A Fonsagrada. O goberno local, presidido polo socialista Carlos López, pretende agora librarse do control do tráfico na vila polo procedemento de cederlle as competencias á Garda Civil de Tráfico. Antes, intentou librarse de problemas no ámbito do urbanismo cedendo competencias á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. O portavoz popular, José Luís Regueiro, di que o seu grupo oponse á cesión de competencias a Tráfico e expón a necesidade de adoptar medidas para mellorar a circulación rodada e peonil na vila e para lograr unha máis pacífica convivencia entre os distintos tráficos.

Regueiro sinala que os principais problemas de tráfico na vila rexistrábanse os días de feira, os primeiros e terceiros sábados de mes. Dende o inicio da pandemia, debido a redución da afluencia, o problema non existe, segundo sinala o portavoz popular, que destaca que a organización do tráfico no casco urbano é competencia do Concello, e ten que xestionar estes asuntos.

O Concello de A Fonsagrada ten un axente de Policía Local, que se atopa de baixa por enfermidade. Regueiro di que o goberno municipal, se a baixa é prolongada, debe de buscar a maneira de cubrir esa baixa. É máis, o portavoz popular di que o Concello debe estudar a posibilidade de crear outra praza de axente de Policía Local.

Por outra parte, Regueiro sinala a necesidade de que o Concello deseñe medidas para mellorar o tráfico na vila. Di que é preciso buscar terreos que poidan ser habilitados como aparcamento. Tamén suxire facer unha revisión en canto á ordenación de direccións, así como a mellora da sinalización de tráfico.

“O que está claro é que a solución non é a cesión de competencias á Garda Civil. Iso só é unha renuncia máis do goberno local a xestionar aquilo que son competencias municipais. O Concello ten que adoptar as medidas necesarias para que vehículos e peóns poidan circular con seguridade cada día e que teña capacidade suficiente para resolver problemas puntuais, se é que se dan”.

Exit mobile version