Óscar Rodríguez lembra que “con data 11 de maio puidemos ver na prensa que por parte de Costas vaise proceder o arranxo do acceso de distintas praias da Mariña; son accesos que están pechados e a Subdelegada do Goberno manifestou que estes traballos están incluídos no Plan de Conservación e Mantemento do Litoral”. Explica que, polo que publicaron os medios de comunicación, hai intervencións previstas en Barreiros, Foz e Burela, “pero non vemos nin unha soa partida para Viveiro”.
O portavoz popular di: “En Viveiro, o areal de Sacido leva catro anos sen acceso; ademais de ser unha praia fermosa, está ao carón dun hotel de catro estrelas. O acceso pechado dá unha imaxe deplorable e priva do seu uso a veciños de Viveiro e aos visitantes”.
Os populares queren saber por que Sacido non está incluída no citado programa. Preguntan ao goberno se ten algún proxecto para abrir o acceso a esta praia e, de ser así, en que prazo.
Rodríguez sinala: “Unha e outra vez queda de manifesto o desinterese e a falta de capacidade de xestión tanto da alcaldesa como dos membros do seu equipo. É incomprensible que Viveiro quede fora do citado plan estatal; é unha demostración máis da total falta de peso que ten a señora Loureiro no PSOE”