Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que o BNG non admitiu en Santiago a emenda do PSOE á súa moción contra as peaxes, que si admitiron na Deputación

Lugo, 27 de maio de 2021. O BNG de Lugo é pura contradición en todo o que ten que ver coa Deputación. Por un lado, quere eliminar esta institución e, por outro, fai todo o posible para formar parte do seu goberno. Para seguir no goberno provincial, os nacionalistas lucenses non dubidan en contradicirse a si mesmos e incluso aos seus compañeiros de Santiago. Iso é o que pasou na máis recente sesión plenaria da Deputación. O portavoz popular, Javier Castiñeira, destaca que só “un día tardaron os nacionalistas de Santiago en corroborar a idea que ten o PP de submisión do BNG na Deputación de Lugo con respecto aos seus socios do Partido Socialista, e máis concretamente ao presidente Tomé”. Explica: “Dicimos isto porque os nacionalistas de Santiago non admitiron a emenda socialista á moción do BNG para instar ao Goberno central a que non poña peaxes ás autovías para o ano 2024, contrariamente ao que fixeron os nacionalistas na Deputación de Lugo o pasado martes, que si aceptaron unha emenda do PSOE, que é o partido que promove esa iniciativa no Goberno para o 2024”.

Os populares din que non entenden por que neste caso o Bloque actúa dunha maneira en Lugo e doutra en Santiago, como fixeron ver no pleno da Deputación, “no que quedou demostrada a submisión do BNG ao PSOE, esa falta de personalidade para levar adiante cousas tan importantes como era, neste caso, a desaprobación por parte da Deputación da política de suba de impostos e creación de peaxes que está a levar o Goberno”.

Castiñeira pon de manifesto que mentres en Lugo o Bloque apoiou a emenda do PSOE á súa moción contra a creación de peaxes nas autovías, pola contra, votou en contra da emenda do PP, que melloraba o texto da moción, con moito máis criterio que a do Partido Socialista, que é o que está no Goberno e que toma esta iniciativa”.

Castiñeira sinala: “Lamentamos a posición do Bloque. Esperemos que se dea un cambio no BNG da provincia de Lugo, porque estará moi contento na súa situación de goberno e de poder, pero demostra moi pouca autonomía, polo menos nos plenos da Deputación cando apoia as mocións do Partido Socialista incluso en contra dos intereses dos lucenses, como no caso das autovías, ou como na moción na que propuxemos que a Deputación se opuxese á suba de impostos que prepara o Goberno de Pedro Sánchez”.

Exit mobile version