Site icon Crónica3.com A Mariña

Raíñas da Raíña

Burela, 2 de maio, 2021. O trono da Copa de S.M. A Raíña segue sendo laranxa. O Pescados Rubén Burela FS revalidado o seu dominio absoluto na cita impoñéndose na final a Melilla Sport Capital Torreblanca (1-3). A experiencia das Guerreiras impúxose fronte ao equipo revelación da tempada para sumar a terceira Copa consecutiva e a cuarta da Historia Laranxa. A capitá, Peque, recibiu o trofeo de mans do vicepresidente da RFEF, Pablo Lozano.

Soubo Pescados Rubén Burela FS como imprimir o seu xogo con dominio, posesión e ocasións. Peque foi a que máis buscou a rede de Sara Soares nos primeiros compases, pero foi un gol que tocou na defensa melillense o que lles deu a vantaxe ás da Mariña, no minuto 8; o gran pase en profundidade de Jane a Leti Cortés deu en Fabi para os intereses das galegas. Dispuxeron acto seguido as de Lucas de moito perigo, con Jane e Leti fronte a Sara como a gran salvadora. Marcio Santos tentou cambiar a dinámica pedindo máis risco ao seu equipo e mesmo probando nunha aposta breve por xogo de cinco, ante a gran resposta e repregamentos das laranxas freando calquera indicio en ataque. Dany, a falta de 54 segundos para o descanso, subiu o 0-2 recibindo de Cami e virándose para sentenciar dun golazo en disparo cruzado que entrou por baixo das pernas da meta melillense. Cami a punto estivo de ampliar co terceiro nos últimos segundos antes da bucina.

Regresou moi o conxunto de Lucas con dobre tentativa de Cami fronte a Sara; a meta melillense freou tamén a Luísa Mayara, pero nada puido facer fronte á letal Dany, que aproveitou a falta de entendemento rival en saque de banda para subir o 0-3. Apostou por xogo de cinco o equipo de Marcio Santos e atopou recompensa acto seguido, en menos dun minuto, cun pase de Lydia a Bia, que tocou en Ale de Paz con traxectoria cara á portería. O Torreblanca encomendouse á porteira xogadora para ir a pola remontada fronte á solidez defensiva das galegas que se armaron de paciencia e concentración para anular as intencións das melillenses, cunha Jozi perfecta e imperturbable.

Ficha técnica

Melilla Sport Capital Torreblanca FS: Sara, Lydia, Fernanda, Bia, Emilly, cinco inicial; tamén xogaron Julia, Jacke, Fabi, Thais

Pescados Rubén Burela FS: Jozi Oliveira, Dany, Peque, Cami, Luísa Mayara, cinco inicial; tamén xogaron Ale de Paz, Jane, M. Cortés, Bea Mateos

Goles: 0-1, minuto 8, Leti (Fabi, p.p.); 0-2, minuto 20, Dany; 0-3, minuto 23, Dany; 1-3, minuto 24, Ale de Paz (p.p.)

Árbitros: Sara Gutiérrez // Leticia Romero // Lydia Guillem. Por Melilla para Fernanda (minuto 10)

Incidencias: Partido de final de Copa de S.M. A Raíña disputado na a Cidade do Fútbol de Las Rozas, con emisión en directo de Teledeporte. Xunto ao presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco, tamén apoiaron ás Guerreiras desde o palco de autoridades o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, e o concelleiro de Deportes de Burela, Ramiro Fernández.

Exit mobile version