Site icon Crónica3.com A Mariña

Reunión de traballo do PP provincial no Valadouro no que destaca a importancia do traballo “constante e responsable” das agrupacións locais

Lugo, 26 de abril de 2021. A presidenta provincial e deputada autonómica, Elena Candia, acompañada dos tamén membros do Parlamento galego por Lugo, José Manuel Balseiro Orol e Daniel Vega, destacou a importancia do traballo “constante e responsable” das agrupacións locais. Foi na reunión de traballo que mantivo coa agrupación local de O Valadouro, e na que, conxuntamente, comprobaron a preocupación da veciñanza pola forma de goberno do alcalde en minoría.

Precisamente, os populares deste municipio de A Mariña censuraron “o atrevemento” do rexedor socialista ao dicir que a Escola Hortifrutícola non está abandonada e lémbranlle que o proxecto foi apoiado polo Grupo Provincial.

Deste xeito, José Manuel Lamela sinalou que “o descaro” do socialista “non ten límites”, pois “calquera pode comprobar como está todo desfeito e que hai plásticos sen recoller”. O representante do PP lamenta que o rexedor “minta tan descaradamente para salvarlle os mobles aos seus compañeiros na Deputación”. Por este motivo, os populares puxeron en valor, a este respecto, que os deputados do Grupo Provincial eleven este asunto ao organismo provincial, no que se investiron 275.000 euros.

“Queremos que o proxecto teña continuidade. O alcalde debe exercer a súa responsabilidade e pedir que o presidente da Deputación retome a iniciativa”. “Estamos a falar, din, dunha Escola que pode ter unha extraordinaria función, que tivo un custe o suficientemente importante como para que remate cunha imaxe tan mala”, afirmaron.

Investimento da Xunta
Os populares destacaron durante a reunión de traballo cos membros do Grupo Municipal do Valadouro as importantes achegas da Xunta de Galicia ao municipio para o mantemento de servizos de titularidade autonómica; así coma o apoio doutros servizos, desenvolver proxectos ou mellorar infraestruturas.

Concretamente, nos últimos tres anos a Xunta achegou máis de 6,1 millóns de euros ao Valadouro dirixidos principalmente os agricultores e gandeiros, á cooperación co Concello, a manter o servizo de axuda no fogar básico, ao fomento do emprego, á conciliación da vida laboral e familiar ou á atención á muller. A estes apoios do Goberno galego hai que engadir tamén o investimento dirixido ao reforzo da LU-161 que une Landrove con Ferreira.

Exit mobile version