Tal e como explicou o edil de Deportes, David Rodríguez, durante a súa visita á piscina na que estivo acompañado por persoal da instalación, “trátase dun servizo de asesoramento persoal que inclúe sesións dirixidas por unha adestradora profesional que axudará ás persoas que o desexen a manter e/ou conseguir ou bo estado físico a través de diferentes exercicios de cardio e tonificación”.
Para este fin, apunta Rodríguez, adecuamos unha sala na piscina e reforzamos o material existente coa adquisición de mancuernas, aros e pelotas de pilates, balóns medicinais ou cintas de TRX; entre outros equipamentos.
As clases xa se empezaron a impartir de xeito experimental e están a ter moi boa acollida “con máis dunha decena de persoas inscritas”.
Ademais, a piscina municipal tamén ofrece servizo de asesoramento para realizar un uso correcto das distintas máquinas do ximnasio; e o persoal tamén está á disposición das persoas usuarias para elaborar táboas de exercicios personalizadas adaptadas aos obxectivos e capacidades de cada quen.
Tal e como apuntou o concelleiro, a día de hoxe estamos a ter unha media de 110 persoas usuarias ao día na instalación, entre o vaso e o ximnasio “unha cifras coas que estamos satisfeitos tendo en conta a situación actual, e coa premisa de que estamos a seguir rigorosamente uns protocolos de seguridade e prevención estritos que limitan a 30 as persoas na instalación, en quendas de hora e media, e con cita previa obrigatoria para poder realizar un control exhaustivo do aforo” (no teléfono 982 59 45 12).
Rodríguez recordou que desde o Concello de Cervo “apostamos sempre por ofrecer á veciñanza alternativas de deporte compatibles coa situación sanitaria, e de feito non deixamos de ofrecer o servizo da piscina nin as Escola Deportivas en todo este tempo; sempre que a normativa vixente nos permitise, aínda que con limitacións, manter abertas as instalación e as salas destinadas á actividade física”. Sempre buscamos a fórmula para poder adaptar os servizos que prestamos –engadiu- á realidade sanitaria de cada momento.
Cabe recordar que o ximnasio municipal sufriu unha reforma integral recentemente para a que se mobilizaron 45.000 euros de fondos municipais. Actuouse na cuberta, na estrutura e no piso –que se reforzou naquelas zonas de uso de pesas-; e adquiríronse novas máquinas.