Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé presenta en FITUR a aposta da Deputación por un turismo de calidade como unha fortaleza para o sector no escenario post-Covid

Lugo, 20 de maio de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto coa Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este xoves, a campaña Lugo, la provincia es tu camino na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid. Tomé Roca puxo en valor a aposta da provincia polas iniciativas baseadas na experiencia, afastadas das masificacións, que están en marcha e que se ven revalidadas pola pandemia da Covid-19.

“Nesta ocasión FITUR ten un simbolismo especial, porque FITUR simboliza o punto de partida da recuperación do turismo e, por suposto, con sentido común, coa máxima prudencia e tamén con responsabilidade”, apuntou Tomé. “Levamos anos traballando nun modelo de turismo sustentable, de calidade e que funciona. É o momento de afianzar os nosos proxectos e seguir apostando por programas deseñados para apoiar e traballar da man do sector, favorecendo o desenvolvemento socioeconómica da provincia, que pon en valor o patrimonio e crea emprego”, insistiu o Presidente no acto que se desenvolveu no stand de Galicia e que estivo moderado polo recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro, embaixador da provincia de Lugo, e no que tamén participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a primeira tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.

Tomé Roca explicou que a provincia de Lugo parte con vantaxe e con moitas oportunidades na nova realidade transformada pola pandemia. “A nosa sorte é a nosa esencia. E a Deputación de Lugo está a traballar para axudar a acelerar a recuperación do noso sector turístico con iniciativas que reforzan ese modelo como os Bonos Impulso, accións como o programa Actívate ou na organización de actividades ao aire libre como Coñece a túa provincia”, subliñou.

O tema central do acto foi Camiño de Santiago. “O Ano Santo brinda tamén unha oportunidade importante para a recuperación do noso sector. A ruta Xacobea atrae un tipo de turismo respectuoso e acorde coa nosa liña de traballo. A nosa provincia é moi rica en rutas peregrinas e por iso subliñamos a importancia dos itinerarios que atravesan os nosos concellos”. Pola provincia de Lugo transcorren tres rutas declaradas Patrimonio Mundial da Humanidade: trátase do Camiño do Norte, o Camiño Primitivo e o Camiño Francés. Ademais, polo sur da provincia pasa outro itinerario oficial: o Camiño de Inverno, un percorrido elixido nos meses máis fríos do ano polos peregrinos medievais que desexaban evitar os nevados cumes do Cebreiro.

A Deputación de Lugo proxectou tres pezas audiovisuais que puxeron de relevo as oportunidades e fortalezas da provincia, remarcadas na marca En Lugo, si e tamén das experiencias que o Camiño achega a todas as persoas que escollen un ou outro percorrido, pasando por numerosos bens patrimoniais de gran relevancia cultural. “O Camiño é unha oportunidade para coñecer o patrimonio histórico, cultural, natural e gastronómico da nosa provincia de Lugo, pero tamén amosa como somos a veciñanza da provincia, xente amable e acolledora”, sinalou o Presidente.

Tomé Roca apuntou que “xa vemos a luz ao final do túnel, pero temos que ser prudentes. A provincia está preparada para recibir visitantes e ofrece un bo abanico de posibilidades”. A Deputación de Lugo destina 3M€ ao ano ao desenvolvemento turístico, co fin de continuar mellorando e lanzando novas iniciativas.

Unha promoción transversal
O Presidente da Deputación e a Deputada de Turismo participarán en diferentes actos e presentacións no marco de FITUR co fin de establecer sinerxías e novos contactos para mellorar a promoción da provincia. Entre outros, Tomé Roca intervirá esta tarde no acto da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, poñendo en valor as potencialidades desta comarca.

Exit mobile version