Site icon Crónica3.com A Mariña

Vitoria no derradeiro intre. Poio 0-1 PRBFS

Burela, 8 de maio, 2021. O Pescados Rubén Burela FS regresou á liga sumando tres puntos no igualadísimo derbi fronte a Poio Pescamar FSF (0-1), cun gol de Peque, a tan só 10 segundos da bucina final.

As Guerreiras Laranxas comezaron con posesión e ocasións nunha primeira parte que aos poucos gañou en equilibrio e alternativas, cunha escuadra mariñá na que faltou frescura, que acusou o cansazo da Copa de S.M. A Raíña. Poio, aplicado en defensa e cunha gran dose de concentración, conseguiu mitigar a efectividade en ataque das laranxas, ademais de dispoñer de perigo fronte á boa actuación de Sandra Buzón.

Aínda que sen ocasións claras no regreso, o Pescados Rubén Burela FS conseguiu ir de menos a máis para imprimir a súa superioridade e xerar inmensidade de chegadas con perigo fronte a Silvia, que se erixiu como o gran baluarte local para manter vivo ao Poio e resistir. Os primeiros avisos foron de Cami, a pase de Peque, e Leti, en colaboración con Ale de Paz, sobre o 28 de xogo. A partir de aí o goteo laranxa foi incesante. Cumpríndose a medianía do segundo acto, Ale de Paz dispuxo da mellor burelista para ceder o relevo para Peque e Dany. Foi precisamente este tándem o artífice de gol in extremis que lles outorgou o merecido triunfo ás pupilas de Lucas, cando as de Manu Cossío xa soñaban coa repartición de puntos. Con tan só 10 segundos por diante, o Poio esgotou o último cartucho con xogo de cinco sen opcións.

Ficha técnica

Poio Pescamar FSF: Silvia Aguete, Irene, Luci, Ana Rivera, Dani Sousa, cinco inicial; tamén xogaron Antía, Chiesa, Julia, Clara, Miriam

Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Dany, Peque, Luísa Mayara, Ale de Paz, cinco inicial; tamén xogaron Jane, Cami, Bea Mateos, M. Cortés, Elena Aragón, Lara Balseiro

Goles: 0-1, minuto 40, Peque

Árbitros: Vilas López // Menéndez Nistal. Por Poio amarela para Julia (minuto 12). Por Burela amarela para Leti (minuto 18), Bea Mateos (minuto 20), Jane (minuto 24)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 6 (segunda fase) de Primeira División Feminina disputado na Seca de Poio. O conxunto de Manu Cossío recibiu ao Pescados Rubén Burela FS con pasillo polo recente título de campión de Copa de S.M. A Raíña, conquistado o domingo pasado en Las Rozas.

Exit mobile version