Site icon Crónica3.com A Mariña

50.000 alevíns de troita para repoboar o río Xunco, en Cervo

Cervo, 15 de xuño de 2021. A Xunta levou a cabo unha solta duns 50.000 exemplares de alevíns de troita para contribuír á repoboación e conservación desta especie no río Xunco, no concello de Cervo.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, acompañou hoxe aos axentes medioambientais que traballaron na zona de Sargadelos, onde liberaron exemplares procedentes de criadeiros que xestiona a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Arias destacou que deste xeito a Xunta pretende favorecer a recuperación da troita no curso fluvial do Xunco trala mortalidade ocasionada por unha vertedura que se rexistrou o ano pasado.

Precisou que o persoal técnico do Servizo de Patrimonio Natural planifica a repoboación con especies autóctonas naquelas situacións nas que o proceso natural poida resultar imposible ou dunha duración excesiva. No resto dos casos, procúrase que sexan as poboacións existentes na mesma conca fluvial as responsables de colonizar os treitos afectados por episodios de mortalidade.

Na provincia de Lugo estanse a levar a cabo nesta época outras accións encamiñadas a recuperar as concas fluviais cuns 150.000 alevíns de troita común e 90.000 de salmón procedentes dos criadeiros específicos destas especies que a Xunta ten no Veral (Lugo) e Goó (O Incio), onde se obteñen as crías grazas á reprodución de exemplares autóctonos de troita e salmón que foron capturados nos propios ríos con anterioridade.

Así, Arias apuntou que tamén está previsto abastecer de troitas as cuncas dos ríos Navia, Miño, Neira, Ladra, Parga, Ferreira, Narla e Loio -onde se soltarán esta semana 10.000 exemplares ao seu paso por Paradela- . En canto ao salmón, programáronse soltas nas cuncas do Ouro, Masma, Eo e Landro.

Cómpre lembrar que o departamento autonómico de Medio Ambiente ten en proceso de contratación o servizo para o seguimento de poboacións piscícolas en tramos fluviais seleccionados de toda Galicia, co fin de proporcionar datos que permitan caracterizar o estado das poboacións piscícolas en determinados tramos fluviais repartidos ao longo da rede galega. Deste xeito, poderase actualizar o traballo desenvolvido nos últimos anos no que respecta á valoración de poboacións de troita ou reo, e tamén dar continuidade aos inventarios dos tramos de migradores (salmón e anguía) que desde 1995 se veñen facendo na Comunidade.

Exit mobile version