Site icon Crónica3.com A Mariña

A campaña contraincendios estará operativa desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro

Lugo, 29 de xuño de 2021. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na reunión do Comité provincial de Coordinación Policial Antiincendios para a campaña deste ano 2021, que estará operativa desde o 1 de xullo ata o vindeiro 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais.

O obxectivo da xuntanza é coordinar as actuacións da Xunta e o Goberno central en materia de investigación, vixilancia e disuasión para facer fronte aos incendios forestais e loitar contra a actividade delituosa incendiaria.

Na reunión participaron membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, representantes da Subdelegación do Goberno e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.

No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, así como a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2021. Ademais avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.

Como é habitual, na xuntanza abordouse a distribución dos diferentes efectivos sobre o territorio, prestando especial atención a aquelas áreas con maior incidencia deste tipo de actuacións.

A maiores, Arias recalcou que este ano a Consellería do Medio Rural reforzou a rede de vixilancia no monte con cámaras de última xeración e creou unha Unidade de investigación de incendios forestais (UIFO), formada por axentes ambientais e que depende do director xeral de Defensa do Monte. É unha unidade desvinculada dos labores de extinción, polo que poderá centrarse especificamente na investigación.

No conxunto de Galicia, a Xunta mobilizará na loita contra o lume máis de 7.000 efectivos en época de alto risco, entre os propios da Administración galega e os do Estado, ao abeiro -neste caso- do Pladiga 2021. Nesta campaña, os medios humanos estarán apoiados por 378 motobombas -19 máis que o ano pasado-, así como por unha trintena de medios aéreos.

Arias subliñou a importancia de manter a coordinación entre as distintas administracións nas actuacións que se levarán a cabo nesta materia e apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento.

Exit mobile version