Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación esixe ao Estado “que lexisle para obrigar aos bancos a manter as oficinas e os servizos”

Lugo, 29 de xuño de 2021. A corporación provincial aprobou por unanimidade unha proposta de goberno contra “o incremento dos abusos bancarios contra as persoas consumidoras e o deterioro dos servizos financieiros na Galiza”, promovida polo BNG.

A iniciativa, aprobada por unanimidade, demanda ao goberno do Estado “desenvolver mudanzas no ámbito da regulación do sector bancario para para frear “a concentración bancaria” e “os abusos bancarios en materia de restrición de servizos, pacto de horarios para limitar os servizos de caixa e o incremento de comisións e reducións drásticas de oficinas e persoal”, ademais de instar á Xunta de Galiza a actuar en “materia de consumo” impulsando “campañas de información ás persoas consumidoras”.

O acordo tamén inclúe “expresar o apoio do Pleno da Deputación ás reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego e dirixirse ás entidades bancarias presentes na provincia para demandar o mantemento dos servizos”.

Na súa exposición da proposta, o voceiro nacionalista Efrén Castro describiu como “a banca aproveitou o estado de alarma e a pandemia para cambiar substancialmente as comisións e condicións, precarizar a atención con horarios insostibles para realizar determinadas tramitacións ou obrigar ás persoas usuarias a utilizaren a banca electrónica”. Tamén se referiu “ao peche de oficinais bancarias que deixan sen servizos financieiros o rural”.

Efrén Castro sostivo que se “os abusos bancarios empezan a ser insoportables para as persoas usuarias e para as persoas traballadoras, que ven como se precarizan as súas condicións mentras as entidades seguen repartindo beneficios”.

“A solución non é financiar os bancos. A solución para que haxa oficinas e caixeiros no rural é obrigalos. O estado ten capacidade para lexislar. Polo tanto deixemos de investir diñeiro público nas entidades bancarias”, concluíu o voceiro nacionalista urxindo a actuación do goberno do Estado e afeando o “pim pam pum” de socialistas e populares atribuíndose mutuamente a responsabilidade dunha situación.

Exit mobile version