Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ensalza o compromiso de Sotavento no desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia a través da I+D+i e a pedagoxía

Xermade, 21 de xuño de 2021. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe en Xermade aos actos de celebración polo 20 aniversario do parque eólico experimental Sotavento, onde agradeceu a esta entidade o compromiso que ten demostrado durante estas dúas décadas, contribuíndo así ao desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia a través da I+D+i, a sensibilización e a pedagoxía.

Conde, que definiu a Sotavento como un “proxecto pioneiro”, púxoo de exemplo de como as administracións públicas poden impulsar proxectos de vangarda a través das enerxías limpas. Así, destacou o “frutífero labor” que ten desenvolvido o parque, consolidándose como un espazo de experimentación e escaparate dos diferentes avances tecnolóxicos que se foron dando no sector eólico e das renovables –facendo referencia a iniciativas como a vivenda bioclimática instalada no recinto–; ao tempo que leva a cabo unha misión pedagóxica e de sensibilización sobre a importancia das enerxías limpas e a eficiencia enerxética.

A este respecto, o vicepresidente económico fixo referencia ao investimento de 6M€ que levará a cabo a Xunta de Galicia en proxectos con enerxías renovables –como a instalación de caldeiras de biomasa ou placas de enerxía fotovoltaica– en 94 edificios públicos, a metade deles no rural galego, entre os que se encontran hospitais, centros de saúde e educativos e albergues.

“Desde a Xunta imos seguir traballando na cultura do aforro e da eficiencia enerxética; temos que seguir impulsando proxectos de enerxías renovables que nos permitan mellorar a competitividade do tecido produtivo e tamén cun impacto para aforrar no recibo da luz ás familias”, sinalou Francisco Conde, ao tempo que insistiu na necesidade de garantir o equilibrio entre desenvolvemento destas enerxías limpas e o respecto ao medio ambiente.

Neste sentido, asegurou que entidades como Sotavento van cobrar moita relevancia no contexto actual de transición ecolóxica, polo que apuntou a que o gran reto agora pasa por consolidar e conseguir un crecemento sustentable desde o punto de vista ambiental, social e económico.

Exit mobile version