Site icon Crónica3.com A Mariña

Actividades de verán na Rede Museística Provincial

Lugo, 30 de xuño de 2021. A Rede Museística Provincial presentou este mércores no Museo de Lugo as actividades de verán, con distintos obradoiros e propostas didácticas arredor dos recursos e coleccións dos museos pensadas para nenas e nenos de distintas idades.

As actividades desenvolveranse nos meses de xullo e agosto, cunha axenda propia en cada un dos centros da rede -o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, San Paio de Narla e o Pazo de Tor. Desde sesións de contacontos ou actividades centradas no coñecemento da metodoloxía das escavacións arqueolóxica, ata reconstrucións de mercados medievais, obradoiros de gravado ou talleres de radio.

A axenda de actividades pode consultarse na plataforma multicanle da Rede Museística Provincial, comunidadermpl.com, onde tamén se accede á solicitude de preinscrición en cada unha das actividades.

A vicepresidencia da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “estas actividades reforzan o coñecemento e a vinculación da cidadanía cos museos, desde as primeiras idades, espertando un interese polo patrimonio que axuda a sensibilizar e consolidar actitudes de conservación e valorización dos bens culturais”. Tamén sinalou que “contribúen a ampliar a oferta cultural, especialmente para as primeiras actividades nos concellos nos que se ubican os distintos museos, Lugo, Monforte, Cervo e Friol.

Estampas Lucenses, 140 postais sobre o Lugo da primeira metade do século XX

Ademais das actividades de verán, durante a mañá, tamén se presentou no Museo de Lugo o libro catálogo “Estampas lucenses”, que inclúe 140 postais realizadas entre 1902 e 1950, conservadas polo coleccionistas Manuel Urbano Barrio y Moure. A publicación, editada pola Rede Museística Provincial, recolle imaxes de rúas e prazas, vistas da Muralla e de Catedral, da Ponte Vella e do río Miño ou da Chanca, ademais doutros edificios singulares no Lugo da primeira metade do século XX.

A Rede Museística Provincial ofrecerá un exemplar desta publicación -da que se imprimiron 550 exemplares- ás persoas que participen no proxecto “Recuperar onde vivimos, reimaxinar onde viviremos”, no que se convida á cidadanía a compartir imaxes dos edificios e das contornas dos catro museos da rede. O proxecto inscríbese na celebración do 15 aniversario da creación da Rede Museística Provincial.

Exit mobile version