Site icon Crónica3.com A Mariña

As laranxas fanse tamén coa liga nunha tempada de triplete histórico

Burela, 13 de xuño, 2021. O Pescados Rubén Burela FS segue facendo historia. As Guerreiras Laranxas puxeron o broche con pleno esta tempada, sumando o seu noveno galardón consecutivo coa reválida do título de liga, para subir a cuarta á vitrina mariñá. O conxunto de Julio Delgado e Lucas brillou na segunda parte da final de play off de Torrejón de Ardoz para dar a volta á vantaxe de Futsi Atlético Navalcarnero de 2-0, con apertura de Dany e triplete da de Neda, que pechou Cami co definitivo 2-5 a tan só 1 segundo da bucina.

A viveirense Lara Balseiro recolleu o galardón de Campioas de mans do vicepresidente da RFEF, Pablo Lozano.

O Clásico tivo un inicio equilibrado e aínda que a posesión e as recuperacións eran das galegas, foi Futsi o que atopou a rede primeiro, con Ju Delgado tras aproveitar Lora un erro de pase galego, no 9. Tan só dous minutos despois Ari, asistida por Becha, subiu o 2-0. Con máis de sete minutos para o descanso, as de Andrés Sanz subiron a quinta falta. Dispuxo de dobre penalti Jane no 16, pero saíu Belén de Uña para desartellalo. As de Julio Delgado, nunha boa dinámica na recta final da primeira parte, non puideron reducir distancias.

As Guerreiras regresaron ao Jorge Garbajosa cunha gran presión e en tan só dous minutos, grazas ao seu xene sempre gañador, deron a volta ao electrónico. A estratexia outorgoulles o primeiro no 25, con saque de esquina de Cami e disparo cruzado de Bea Mateos, rematado por Dany. De novo o balón parado volveu dar froitos ás de Julio Delgado, con firma de Ale de Paz, asistida de tacón por Dany. A de Neda estivo moi oportuna segundos despois para volver ver portería e poñer ás mariñás por diante, cun rexeite de Belén ante Leti Cortés. Jozi mantivo a salvo a renda galega no 29 ante Becha e no 32 Ale de Paz asinou o seu hattrick cunha rápida recuperación e asistencia de Jane. Volveu aparecer a 3 madrileña sobre a rede mariñá, o pau evitouna. Con 7 minutos, o bonus de faltas caeu do lado burelista, pero soubo como reaccionar. No 37, o Navalcarnero foi a pola remontada con xogo de cinco para batere unha e outra vez coa solidez defensiva do Pescadso Rubén Burela FS, que selou o definitivo 2-5 a tan só 1 segundo, con Cami.

Ficha técnica

Futsi Atlético Navalcarnero: Marta Balbuena, Ari, Leti, Ju Delgado, Ame Romero, cinco inicial; tamén xogaron Anita Luján, María Sanz, Lora, Becha, Irene, Belén de Uña, Laura

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Peque, Cami, Ale de Paz, cinco inicial; tamén xogaron Jane, M. Cortés, Luísa Mayara, Bea Mateos

Goles: 1-0, minuto 9, Ju Delgado; 2-0, minuto 11, Becha; 2-1, minuto 25, Dany; 2-2, minuto 26, Ale de Paz; 2-3, minuto 27, Ale de Paz; 2-4, minuto 32, Ale de Paz; 2-5, minuto 40, Cami

Árbitros: Carlos Rabadán // Pablo Delgado // Sara Gutiérrez // Lydia Guillem. Por Navalcarnero amarela a Ari, Leti, Becha. Por Burela amarela para Bea Mateos, Jane.

Incidencias: Final de Play Off polo título de liga 2020-21 disputada no Jorge Garbajosa de Torrejón de Ardoz. Xunto ao presidente do Peixes Rubén Burela FS, Manuel Blanco, apoiaron as Guerreiras desde o palco de autoridades o deputado de Deportes de Lugo, Efrén Castro, e o responsable de fútbol sala de RFGF, Pablo Prieto.

Exit mobile version