Site icon Crónica3.com A Mariña

CCOO esixe a apertura dunha investigación «áxil e rigorosa» do naufraxio que provocou o falecemento de dous mariñeiros

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021. Comisións Obreiras (CCOO) traslada as súas condolencias ás familias dos dous mariñeiros que perderon a vida no naufraxio do cerqueiro ‘Sempre Güeto’, que naufragou o mércores a preto de dúas millas da costa de Santo André de Teixido. A organización sindical esixe a apertura dunha investigación «áxil e rigorosa» que permita esclarecer as causas desta traxedia.

O sector do Mar de CCOO de Galicia denuncia que son xa «demasiadas» as mortes accidentais que se están a producir no mar, sen que as investigacións oficiais sirvan para reducir a súa incidencia nin para que se apliquen «melloras substanciais» nas condicións de traballo. «As mortes son noticia nos medios de comunicación no propio día, pero pasan ao esquecemento con notable rapidez e finalmente convértense nun apuntamento estatístico máis», lamenta o sindicato.

CCOO, unha vez máis, esíxelles ás autoridades políticas, xudiciais e empresariais que a investigación destas mortes sexa «áxil, profesional e concluínte», de xeito que se poidan mellorar ou reforzar os protocolos, evitando así novas traxedias.

Exit mobile version