Site icon Crónica3.com A Mariña

Dúas persoas foron evacuadas en helicóptero ao quedar illadas pola marea na praia das Catedrais

Ribadeo, 24 de xuño, 2021Dúas persoas foron evacuadas polo helicóptero de rescate, Pesca-II, ao quedar illadas pola marea nunha zona rochosa da praia das Catedrais, en Ribadeo.

O 112 Galicia recibiu a chamada, ás dúas da tarde, dun particular que solicitaba axuda tras quedar, xunto con outra persoa, illado pola subida do mar no interior dunha especie de cova aberta do areal. Durante a comunicación, as persoas afirmaban atoparse ben pero sen posibilidade de saír do interior da cavidade rochosa.

Rapidamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informouse a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil e á Policía Local. Ademais, tamén se trasladou a información aos Bombeiros de Barreiros, a Protección Civil do municipio e aos servizos sanitarios.

Minutos despois, os operadores do 112 foron informados de que se mobilizaba, para o lugar, o helicóptero de rescate Pesca-II.

Xa con todos os medios de intervención no punto, Salvamento Marítimo comunicou que as persoas estaban enriba dunhas rochas, accesibles por aire, e que foron rescatadas pola aeronave. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.

Exit mobile version