Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia completa a súa primeira área Rexurbe coa creación do centro de rexeneración urbana de Mondoñedo

Santiago de Compostela, 24 xuño de 2021. O Consello da Xunta autorizou esta mañá o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Mondoñedo para a creación do centro de rexeneración urbana do municipio, co que por primeira vez en Galicia se completará unha Área Rexurbe con todos os elementos que a compoñen.
As áreas Rexurbe foron creadas ao abeiro da Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia de 2019, co obxectivo de facilitar a recuperación dos conxuntos históricos declarados bens de interese cultural (BIC).
A de Mondoñedo foi a primeira declarada na Comunidade —febreiro de 2020— e o seu ámbito comprende o conxunto histórico do municipio e unha zona contigua, de características similares, que alcanza en total unha superficie de 0,45 km2, en que se localizan 704 edificios e 915 vivendas.
Agora, coa creación do Centro Rexurbe –o primeiro en Galicia-, avanza o paso definitivo para a posta en marcha de iniciativas, proxectos e programas a nivel arquitectónico, dirixidos a fomentar as políticas de rehabilitación e a mellora do espazo público, con outras medidas desde o punto de vista económico, demográfico e social.
Este centro, que dependerá do Concello, será o punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión da Área Rexurbe de Mondoñedo, co obxectivo de impulsar as actuacións de recuperación, rexeneración e dinamización do ámbito. Segundo o plan de dinamización da Área, aprobado en febreiro deste ano, as actuacións previstas para o período 2020-2024 requirirán dun investimento de aproximadamente 16,9 millóns de euros.
En virtude do convenio autorizado hoxe, a Xunta dispón unha contía de case 140.000 euros para impulsar o funcionamento deste centro, que deberá contar con medios e materiais humanos para atender os obxectivos do programa.
Cómpre lembrar que actualmente en Galicia existen tres áreas Rexurbe, todas elas declaradas en 2020: Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia. Así mesmo, o Concello de Tui tamén remitiu a súa solicitude oficial de declaración dunha Área Rexurbe ao IGVS, organismo que está a revisar a solicitude; e o Concello de Ferrol tamén manifestou a súa vontade de contar con outra que abranguera o ámbito de Ferrol Vello.
Por outra banda, cabe salientar que Mondoñedo é un concello exemplar e comprometido coa rehabilitación, pois, ademais de contar cunha Área Rexurbe, participa dos fondos e das axudas que se promoven ao abeiro das áreas de rehabilitación integral e tamén do Programa Rexurbe, polo que se adquiren inmobles para a súa recuperación e destinados ao alugamento social.

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Sanidade

Exit mobile version