Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia promociona a pescada do pincho e o bonito de Burela xunto co Xacobeo 21-22 e pon en valor o mar, a restauración e o turismo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participa no acto de presentación da campaña de promoción da pescada e do bonito de Burela nos paradores do Camiño de Santiago, unha acción impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021. A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o papel dos sectores da restauración e do turismo gastronómico na promoción dos produtos do mar de Galicia co obxectivo de “valorizalos e darlles o recoñecemento que merecen”. Nesta liña puxo como exemplo a iniciativa Orixe e Destino Galicia, da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo en colaboración con Paradores de Turismo de España. Esta campaña ten como finalidade difundir a pescada do pincho e o bonito capturados pola frota de Burela en dez paradores localizados en sete camiños de Santiago diferentes e tamén promocionar o Xacobeo 21-22.

Así o sinalou a titular de Mar durante a presentación da terceira edición desta iniciativa, unha acción que se enmarca no plan de produción e comercialización da OPP de Lugo e que conta co cofinanciamento da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Rosa Quintana referiuse a esta campaña como “unha das fortalezas da OPP” que pon en valor o labor da cadea mar-industria. Un traballo, subliñou a conselleira, esencial en tempos de pandemia, pois permitiu que os produtos do mar chegasen á cidadanía.

Con Orixe e Destino Galicia a comunidade galega difunde dous produtos do mar de primeira calidade capturados de xeito sustentable e coa selectividade que caracteriza á frota artesanal. Faino, engadiu a titular de Mar, con dúas rutas xacobeas. Por unha banda, a do bonito, que comeza este venres 2 de xullo no parador de Santiago de Compostela e que pasará por Lleida, Santo Domingo de la Calzada (La Rioja) e León. Por outra banda, a ruta da pescada do pincho comezará o 30 de xullo en Cuenca e continuará por Alcalá de Henares, Toledo, Ávila, Zamora e Muxía.

Por último, a conselleira do Mar agradeceu o labor da OPP de Lugo e de Armadores de Burela (ABSA) por difundir a pescada e o bonito de Burela, dous produtos con identidade propia e que caracterizan a Galicia. Tamén tivo palabras de recoñecemento para os paradores nacionais “por apostar pola cociña de proximidade e de primeira calidade”.

Exit mobile version