Site icon Crónica3.com A Mariña

Iniciaron os traballos de acondicionamento da contorna da antiga estación do tren mineiro de Ribadeo, onde se creará un novo aparcamento público de vehículos

Ribadeo, 24 de xuño de 2021. O Concello está iniciando os traballos de desbroce e acondicionamento dunha ampla área arredor da antiga estación do tren mineiro, onde se creará un novo aparcamento público de vehículos. O alcalde, Fernando Suárez, lembrou que ata o 21 de xullo está aberto o prazo de presentación de alegacións para atopar aos posibles titulares doutra parcela anexa a eses terreos. Ata o día de hoxe hai presentadas seis.

O rexedor sinalou que “tal e como dixemos hai uns días, estamos empezando a desbrozar e acondicionar unha ampla área arredor da antiga estación do tren mineiro. Esta superficie, incluído tamén un edificio da estación e algunha construción circundante, foi cedida hai unhas semanas ao Concello por parte dos seus múltiples propietarios, de acordo co convenio asinado por todas as partes e no cal eles anticipan as cesións que se contemplan nese polígono urbanístico, no plan xeral de ordenación municipal, para cando se desenvolva urbanísticamente”.

Suárez Barcia explicou que “agora, a curto prazo, o Concello vai resolver esta situación selvática na que levaba varios decenios e acondicionará eses terreos para un novo aparcamento público de vehículos, e entre mentres buscaremos as fontes de financiamento necesarias para poñer en valor o edificio da antiga estación de ferrocarril. O edificio ten o encanto da súa arquitectura, é do ano 1905, aínda que se atopa nun estado de absoluta ruína técnica e que os seus materiais de construción non son nobres, non son de pedra nin de granito, senón son de simple tixolo”.

O alcalde dixo: “por outra banda, a maiores disto debemos dicir que segue aberto o prazo de alegacións que o Concello estableceu para atopar os titulares doutra grande parcela catastral, que se atopa desde hai moitos anos indefinida e innominada, a continuación desta estación vella do tren. Tal e como avanzamos hai días, todas as persoas físicas ou xurídicas que entendan que son propietarios desa ou de partes desa parcela débeno comunicar formalmente diante do Concello pois doutro xeito o Concello, en aplicación dos mecanismos legais que posúe, procederá a inmatriculala posteriormente ao seu nome. Pódese dicir que este prazo de alegacións remata para o mes que ven, o día 21 de xullo, e a día de hoxe xa se presentaron seis alegacións que pretenden ou intentan demostrar que partes desa parcela son da súa propiedade”.

Fernando Suárez engadiu que “o Concello non pretendemos apropiarnos de nada que corresponda a algún privado, o que si queremos desde o goberno municipal é que os posibles donos se responsabilicen, como o resto de propietarios do concello, de ter en perfecto orde de revista as propiedades, isto é, segadas, limpas, acondicionadas, pagando o imposto de bens e inmobles, como todo o mundo, etc… Se isto non é así, o Concello, como garante tamén do interese xeral, inmatriculará superficies que non queden acreditadas que son de alguén”.

Exit mobile version