Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Mulleres no Mundo. Dereitos sexuais e reprodutivos’, ciclo de documentais organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade

Foz, 5 de xuño, 2021. O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza para o mes de xuño a actividade MULLERES NO MUNDO. Dereitos sexuais e reprodutivos.

Trátase da proxección de tres documentais que achegan á cidadanía mariñá a realidade vital de mulleres moi diversas e interpélannos a participar activamente nun debate que trascende fronteiras, crenzas e clases sociais nun momento no que os dereitos das mulleres vense ameazados en diversas partes do mundo. Despois dunha breve presentación e contextualización do documental procederemos á súa visualización. A continuación, realizarase un coloquio e reflexión sobre diferentes aspectos abordados en cada documental.

Comezamos o día 11 de xuño co documental “QUE SEA LEY” (2019). Móstranos as protestas convocadas por Marea Verde, movemento que impulsou a milleiros de mulleres a saír ás rúas e esixir a despenalización do aborto en Arxentina. O documental puntualiza o vínculo ineludible entre o político e o persoal. Foi premiado no 67º Festival de Cine de San Sebastián.

O día 18 é a quenda para “EN DEUDA CON TODAS”. No ano 2018 a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social e a Asemblea de cooperación pola Paz realizaron este documental no que nos expoñen as vivencias das mulleres a ambos lados do cárcere así como de diferentes activistas salvadoreñas implicadas na despenalización do aborto no país centroamericano. Contaremos coa presenza de compañeiras da ASEMBLEA DE COOPERACIÓN POLA PAZ.

Remataremos o día 25 con “WOMANHOOD”, unha viaxe emocional na que Beryl Magoko, a directora deste documental, comparte as súas sensacións máis íntimas, profundas e silenciadas con outras mulleres vítimas da Mutilación Xenital feminina.

Todas as proxecciós terán lugar na Casa de Cultura Manuel María en Foz ás 20:30 horas. Colaboran Radio Foz e Delegación de Cultura (Concello de Foz)

Exit mobile version